A CIG-Industria reactiva a campaña en defensa do emprego na automoción galega e polo futuro do sector
Convoca unha concentración no CEAGA este xoves 14 ás 11:00
Infogauda / Vigo
A federación de Industria da CIG vai reactivar a campaña de mobilizacións, información, achega de propostas e accións institucionais en defensa do emprego na automoción, para demandar solucións á grave crise que atravesa o sector e para que se adopten medidas que garantan o futuro dunha industria estratéxica para o país. Deste xeito, tras as protestas levadas a cabo no verán en rexeitamento dos ERTE indiscriminados, agora convoca unha nova concentración diante do Cluster de Empresas de Automoción de Galiza (CEAGA) en Vigo este xoves día 14 ás 11:00 horas.
Dende a central sindical advirten as empresas e o propio sector no seu conxunto enfronta un futuro “moi incerto” como consecuencia da actual crise derivada da intensificación da dixitalización dos procesos produtivos e da descarbonización da economía, en plena transición enerxética.
Ao que hai que sumar a falta de semicondutores, a deslocalización de empresas, a subcontratación mediante multiservizos, centros especiais de emprego e ETT “con salarios de miseria, xornadas desreguladas que impiden conciliar a vida laboral e familiar, abuso nas horas extras e na contratación eventual” e a aplicación das reformas laborais de PP e PSOE nos ERTE. “O que ten convertido este sector estratéxico da nosa economía un polvorín pola falta de compromiso dos Gobernos galego e español”.
Consideran que esta crise técnica ten que ver coa chegada de novas tecnoloxías e co cambio de papel do automóbil dentro das cidades e pola súa incidencia no medioambiente. “Diante disto, fixemos e estamos a facer propostas para afrontar o futuro do sector sen que sexan sempre os cadros de persoal das empresas os que paguen as consecuencias”.
Entre outras cousas, a central sinala a necesidade de apostar polos coches híbridos, híbridos a gas e eléctricos, polo coche autónomo, pola planta de baterías e a pola fabricación dos novos compoñentes para coches eléctricos preto da planta principal.
Fomento da contratación indefinida
Por unha política enerxética de país para a automoción, pola creación dunha tarifa industrial e dun convenio de enerxía sectorial ou por polígonos vinculado á mellora das instalacións cunha repercusión directa e polo impulso das tecnoloxías de almacenamento de enerxía.
Mais tamén por definir solo industrial para futuras instalacións ante os novos coches eléctricos, regularizar as actividades das empresas auxiliares para adaptalas aos novos modelos e para adaptalas entre elas para evitar competencias desleais e darlle prioridade á creación de patentes e á revisión das actuais.
Así como vixiar e controlar todos os proxectos relacionados co sector, avaliar os seus resultados e comprobar onde se desenvolven a posteriori e fiscalizar todas as axudas e subvencións. Tamén incrementar a formación relacionada co novo sistema de fabricación, actualizar as profesións e implementar novas titulacións profesionais.
Ao mesmo tempo, demandan o fomento da contratación indefinida e a tempo completo, a elaboración dun plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal e a aplicación de coeficientes redutores para o sector e de plans de enfermidades profesionais, ergonomía nos traballos repetitivos, ritmos de traballo e riscos psicosociais.
A CIG entende que todas estas cuestións de vital importancia para o sector deberan ser tratadas nunha Mesa Galega da Automoción (MGA) integrada polo CEAGA, as tres universidades galegas e as centrais sindicais.
Para enfrontar os ERTE
Ao mesmo tempo, dende a central sindical reclaman que se garantan unha serie de cuestións á hora de enfrontar os ERTE que se están a estender por todo o sector:
-Mantemento do emprego.
-Afectacións rotatorias para todo o persoal.
-Avisos de parada como mínimo con 48 horas de antelación.
-Regular os días de non actividade, paradas seguidas e sempre achegados á fin de semana.
-Reestruturación das quendas.
-Control dos ritmos de traballo nos días de actividade.
-Compensación ou complemento por día de afectación ate o 100% do percibido.
-Que parte das axudas recibidas polas empresas sexan destinadas a paliar os efectos do ERTE.
-Bolsas de emprego para o retorno das persoas afectadas.
Finalmente, fan fincapé en que tanto Stellantis, a empresa principal, como as distintas auxiliares, todas pertencentes ao CEAGA, “non poden escusarse en que se trata de problema alleo, senón que teñen que asumir que é unha problema propio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario