18 de out. de 2021

TOMIÑO

Tomiño leva a pleno mañá unha moción do goberno local pedindo unha nova regulación das tarifas eléctricas  

A sesión, de carácter ordinario, será no salón de plenos, a partir das 20.00 horas   


A Corporación Municipal de Tomiño celebrará este martes, 19 de outubro, ás 20.00 horas, sesión ordinaria de pleno
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A Corporación Municipal de Tomiño celebrará mañá martes, 19 de outubro, ás 20.00 horas, sesión ordinaria de pleno. A orde do día inclúe unha proposta de aprobación de dous postos na Relación de Postos de Traballo (RPT); outra de aprobación dos festivos locais e catro mocións: tres do Partido Popular (rebaixa do prezo da luz, facilitar cobertura de persoal médico e consultorio de Goián) e unha do Bloque Nacionalista Galego, sobre a nova tarifa eléctrica.  

 En relación a nova tarifa eléctrica, o portavoz do grupo municipal do BNG propón "trasladar ao Goberno Central o rexeitamento por parte do Concello, da súa política enerxética, por considerar que a mesma contribúe ao aumento da factura eléctrica da maioría de consumidores domésticos e de sectores vulnerables".   

 Así mesmo, os nacionalistas solicitarán que "o Estado abra un novo proceso para unha regulación da tarifa reducindo os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica; que beneficie aos territorios que producen enerxía, compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción, e por último, que se modifique a Lei 24/2013 do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se fixe en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario