18 de out. de 2021

O ROSAL

As familias do Rosal xa desfrutan do Espazo Crianza cos seus bebés   

O proxecto do Concello crea un lugar de encontro e acompañamento dos pais e nais cos seus fillos e fillas  


As familias do Rosal xa desfrutan do Espazo Crianza, o proxecto impulsado polo Concello para brindar ás familias un lugar de encontro e acompañamento durante o crecemento dos seus fillos e fillas
Fotos: C.O. R.


Infogauda / O Rosal

 As familias do Rosal xa desfrutan do Espazo Crianza, o proxecto impulsado polo Concello para brindar ás familias un lugar de encontro e acompañamento durante o crecemento dos seus fillos e fillas. 13 bebés e 6 mulleres embarazadas foron as primeiras usuarias que aproveitaron este servizo para informarse e aprender sobre o desenvolvemento infantil, así como para resolver inquedanzas para unha crianza libre de prexuízos e culpas. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, afirma que “estamos moi contentas coa boa acollida do servizo por parte da veciñanza”, e lembra que a participación neste espazo é de balde. As persoas interesadas deberán facer unha inscrición previa enchendo este documento e entregándoo no Concello, tanto en Rexistro como á educadora familiar. 

 Este Espazo era “unha demanda habitual nas familias” e xurdiu coa intención de “axudalas a crecer de maneira sa cos que seus pequenos e pequenas cun servizo próximo e de calidade”.  Para a rexedora este servizo tamén é un xeito de facer do Concello un lugar máis inclusivo e accesible para as familias. “Un paso máis no noso camiño cara un O Rosal para todos e para todas”, conclúe Ánxela Fernández. 

 Estes encontros, nos que se aborda unha educación libre, activa e respectuosa, están divididos en grupos dependendo da idade dos nenos e nenas. Por un lado, hai acompañamento prenatal dirixido a futuros pais e nais xestantes a partir da semana 28 de embarazo, con sesións quincenais os mércores de 10 a 11 horas que comezarán o vindeiro 6 de outubro. Tamén se implementaron dous grupos para acompañar ás familias no desenvolvemento integral do seu bebé, dependendo do seu desenvolvemento motor e cognitivo. Así, hai un grupo para bebés de 0 a 6 meses e outro de 6 a 12 meses. Tamén será unha sesión quincenal, a primeira foi o mércores 13 de outubro en horario de 10.00 a 11.00 e de 11.30 a 12.30  h, respectivamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario