A Deputación de Pontevedra subvenciona a máis dun cento de entidades sociais da provincia con achegas de preto de medio millón de euros
Os fondos chegarán a asociacións de 21 concellos e están dirixidos a "promover a igualdade de oportunidades e garantir os dereitos das persoas máis vulnerables"
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra volveu a aprobar en Xunta de Goberno novos recursos dirixidos a "promover a igualdade de oportunidades e garantir os dereitos das persoas máis vulnerables". Fíxoo ao conceder subvencións por valor de 470.000 euros a 103 entidades sen fins de lucro da provincia "para que poidan actuar nas políticas sociais", tal e como anunciou Carmela Silva en rolda de prensa. As achegas, recordou, concedéronse valorando "criterios obxectivos, con transparencia e por concorrencia competitiva".
Con estas subvencións a institución provincial sufraga "programas a través dos cales se fomenta a posibilidade de que as persoas con máis dificultades poidan ter axuda para a estimulación cognitiva así como outros de musicoterapia, autonomía persoal, emprego no rural para persoas con diversidade funcional, atención especializada a persoas que padecen diferentes tipos de enfermidades ou aqueles destinados ao éxito educativo de adolescentes migrantes".
En concreto, as achegas irán a parar a entidades de 21 concellos de toda a provincia. Na comarca do Deza as subvencións chegarán a entidades de Lalín (5), A Estrada (1) e Silleda (1), na de Arousa a Valga (1), Vilagarcía (6) e Vilanova (1). As achegas tamén irán a parar á comarca de Pontevedra, en concreto aos concellos de Moraña (1) e Pontevedra (17) así como ao Morrazo, con entidades subvencionadas en Bueu (1) e Cangas (6). Para a comarca de Vigo foron aprobadas achegas para Redondela (1), Mos (1), Vigo (47), O Porriño (1), Pazos de Borbén (1) e Nigrán (1). Os fondos provinciais tamén chegarán ao Condado-Paradanta, con entidades beneficiarias en Crecente (1) e Ponteareas (2), e ao Baixo Miño, con subvencións para A Guarda (3), Tomiño (2) e Tui (3).
Ningún comentario:
Publicar un comentario