ROMARÍA DE SAN MARTIÑO
Estará prevista para o domingo día 14 de novembro
Ricardo Rodríguez Vicente / O Rosal
A romaría de San Martiño xa está sendo anunciada mediante os correspondentes carteis nos que destaca a imaxe do santo e unha vista da ermida e grupos de persoas que nalgunha edición procedente subiron ata ese enclave para conmemorar á festividade.
Como o 11 de novembro é o día propio - como se acostuma decir coloquialmente -, ás 18:30 horas, na igrexa parroquial de Santa Mariña, haberá unha misa.
Asemade, se a climatoloxía non o impide, o domingo día 14 de novembro, ás 10:30 horas, terá lugar á saída do santo ata á ermida, onde ás 12:00 horas, celebrarase unha misa solemne e a posterior procesión.
Da animación da xornada ocuparase o Grupo de Gaitas Albariños, de O Rosal.
De acordo co vixente protocolo Covid-19, as persoas participantes deberán manter á distancia de seguridade interpersoal e levar máscara.
Se o tempo non acompañara, os actos trasladaranse ao domingo día 21 de novembro.
San Martiño é avogado dos soldados, e tamén dos problemas da pel, especialmente das espullas. Botando man da tradición popular, dícese que hai que llevarlle unhas tellas ao santo, e a poder ser, roubadas. Aí o deixamos.
En todo caso, como dí o refrán, "Polo San Martiño abilla teu viño". Significa que desde mediados de novembro é momento propicio para degustar o viño novo, que ben pode ser nos tradicionais magostos en familia, cos amigos ou veciños.
O refraneiro dínos tamén: "O vrau do san Martiño dura en canto o can lambe o fuciño". É dicir, que avanzado o mes de novembro, o tempo bon dura pouco.
De calquer xeito, non cabe dúbida que tanto no Rosal como na súa contorna, son moitas as persoas que non queren perderse a romaría de San Martiño. Ogallá haxa bo tempo para que quen o desexe poida participar e desfrutar nela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario