14 de out. de 2021

O ROSAL

O equipo de goberno do Concello do Rosal visitou Carballo para intercambiar experiencias sobre iniciativas locais   

Falaron, entre outros temas, sobre os contratos reservados para centros especiais de emprego e os procesos de transformación de espazos públicos para recuperar espazos para as persoas  


Foto de familia do equipo de goberno do Concello do Rosal co alcalde e membros do executivo carballés 

Infogauda / O Rosal

 O equipo de goberno do Rosal, encabezado pola alcaldesa, Ánxela Fernández, visitou o Concello de Carballo para intercambiar experiencias sobre distintas iniciativas. Foron recibidos polo alcalde, Evencio Ferrero, e o seu equipo, e nunha xuntanza de case tres horas falaron sobre os contratos reservados para centros especiais de emprego, centros especializos que camiñan na inclusión das persoas con diversidade funcional nos que o municipio carballés ten ampla experiencia; sobre os proxectos de arte urbana, Carballo conta con máis 90 murais no seu núcleo; sobre iniciativas culturais pioneiras, e, finalmente, sobre os procesos de transformación do espazo público para recuperar as rúas para as persoas, asunto co que tanto Carballo como O Rosal están ben comprometidos. 


Evencio Ferrero e Ánxela Fernández nun momento da xuntanza de traballo


 A alcaldesa do Rosal explica que “agradecemos moito o recibimento” e afirma que este tipo de xuntanzas “axúdannos a mellorar a ambos”. “Volvemos ao Rosal con novas perspectivas para aplicar aos proxectos que queremos para facer do noso concello un lugar máis inclusivo e sostible para os veciños e veciñas”, conclúe. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario