13 de out. de 2021

O ROSAL

As Festas de Outuno e do Pilar encheron O Rosal durante a ponte    

As catro actuacións que se realizaron congregaron cerca dun milleiro de persoas na praza do Calvario

 

Un momento do concerto Con Fusión con Píscore e a Banda da Agrupación na Praza do Calvario

Fotos: C.O. R.


Infogauda / O Rosal

 As Festas de Outono que organizou o Concello do Rosal durante a ponte do Pilar foron un éxito. Cerca dun milleiro de rosaleiros e rosaleiras desfrutaron na céntrica prazo do Calvario das catro actuacións para todos os públicos que se prolongaron de domingo a martes. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destacou os grandes resultados dunha programación “completa e que volveu demostrar que a cultura é segura”. A rexedora expón que con estas actuacións no Concello queren “manter as rúas activas e vivas para reactivar os noso sector cultural e tamén dar un pulo a nosa economía”.  


Actuación de Xistra e convidados

 As Festas comezaron cun sentido homenaxe aos irmáns José e Emilio Flores, dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal e musical de moitos veciños e veciñas, por parte de Xistra e convidados. Cerca de douscentas persoas asistiron a esta actuación para dous rosaleiros que participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega e que cunha soa gaita foron quen de ensinar e divertir a todo un pobo. 

 O luns a música rockeira e galega de The Tetas Van foi a encargada de pór o ritmo na praza, mentres que o martes tres espectáculos puxeron o broche final ás Festas de Outono. Pola mañá houbo un pasacalles co grupo de percusión e música tradicional Trebón dos Xidos, e pola tarde foi a quenda de Teatro Ó Cubo que, co seu divertido espectáculo inspirado nun circo ambulante, congregou a 200 persoas, sobre todo nenos e nenas. 

 A música foi o punto e final da programación co concerto Con Fusión con Píscore e a Banda da Agrupación, unha mestura de música, teatro, humor, comedia xestual e clown que marabillou ás máis de 400 persoas que ateigaron a praza do Calvario na noitiña de onte. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario