O CONCELLO DE TOMIÑO INAUGUROU ESTE SÁBADO UNHA DAS MAIORES PISTAS DE PATINAXE DA PROVINCIA
O acto foi aberto ao público e houbo unha exhibición das diferentes modalidades, como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller
Logo de ser aprazado fai unha semana en base as previsións metereolóxicas, este sábado tivo lugar a inauguración da nova área de espazos deportivos situada na Alameda de Goián, que está composta por unha pista de skatepark e unha pista polideportiva. O novo espazo está encadrado dentro do proxecto “Máis Goián”, unha iniciativa integral de reforma urbana que procura conectar todos os equipamentos públicos da vila a través da mobilidade peonil, e virá a complementar outros equipamentos deportivos situados na área, como o campo de Fútbol do Regatiño ou o pavillón de Goián.
Como xa fora anunciado previamente, o acto foi aberto ao público, e contou coa intervención de Uxío Benítez, 1º tenente alcalde e deputado provincial de Mobilidade e Espazos Públicos; Teo López e Adrián Besada, representantes do colectivo local OG Rippers; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. Tamén asistiu Santos Héctor Rodríguez, deputado de Cooperación cos concellos e Asistencia Intermunicipal.
Ao remate da presentación houbo unha exhibición das diferentes modalidades que poderán practicarse na pista, tales como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller.
O ámbito da intervención, financiada a través do Plan Concellos 2020, abarca uns 4.000 metros cadrados, dos cales preto de 1.400 corresponden a pista de patinaxe, converténdoo nun dos maiores da provincia. No seu deseño o Concello de Tomiño contou co asesoramento de expertos nestes deportes, participando un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”, ademais de ser fundamental en todo o proceso a participación da mocidade do municipio que practica algunha destas modalidades.






Ningún comentario:
Publicar un comentario