27 de out. de 2021

ECONOMÍA

Persoal da fábrica de IKF das Cachadas (A Guarda), mobilízase diante do Parlamento galego para  esixir a intervención da Xunta no conflito laboral 

Coincidindo cunha pregunta á conselleira de Emprego para coñecer as  súas xestións e para que obrigue a empresa a aceptar a mediación 


Unha representación do cadro de persoal de IKF da fábrica de A Cachadas (A Guarda),  desenvolveu unha concentración diante da sede parlamentaria
Foto: CIG


Infogauda / Santiago de Compostela

 Traballadores/as de IKF de As Cachadas (A Guarda), en folga indefinida dende hai 46 días contra a dobre escalada  salarial e a precarización das condicións laborais, mobilizáronse hoxe diante do Parlamento galego coincidindo coa pregunta que o BNG lle trasladou no pleno á conselleira de Emprego para coñecer as xestións que dende a Xunta se teñen feito ou se pensan facer para solucionar o conflito laboral. 

 Segundo explican dende a CIG-Construción, o obxectivo é que a propia Consellaría interveña para  obrigar á empresa a aceptar a mediación, xa que até o de agora non ten aceptado nin a do AGA nin a da propia delegada de Traballo. “Non pode ser que unha transnacional veña aquí a impoñer e o Goberno  galego mire para outro lado, por iso queremos que aclare se ten pensado facer algo para rematar con  esta situación”, indican. 

 Deste xeito, parte do cadro de persoal da compañía dedicada á fabricación de materiais refractarios  desenvolveu unha concentración diante da sede parlamentaria de 11:00 12:30 horas, onde despregaron  unha faixa na que se podía ler “IKF en folga. Pola defensa dos nosos dereitos. Non máis retrocesos  sociais” e berraron consignas rexeitando a actitude da empresa e demandando a intervención da Xunta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario