A Deputación de Pontevedra aproba unha segunda convocatoria das bolsas "Depo Dan" e "Depo Promesa", dirixidas a deportistas da provincia
A contía das bolsas é de 51.000 euros e poderán solicitalas as e os deportistas de alto nivel e promesa que non puideron solicitala na primeira quenda
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde á segunda convocatoria das bolsas "Depo_Dan" e "Depo_Promesa", dotada de 51.000 euros, á que poden optar as e os deportistas de alto nivel e promesa destas marcas provinciais que non accederon a unha das bolsas no 2021 ao non poder solicitala por diferentes circunstancias como encontrarse nos Xogos de Tokio o estar en grupos burbulla.
As bases desta nova convocatoria son iguais que as da primeira: outorgaranse por concorrencia competitiva e posibilitarán a participación das e dos deportistas en competicións internacionais e nacionais. Estarán destinadas a unha ampla variedade de disciplinas que van dende o piragüismo, salvamento e socorrismo ou karate ata deportes como esgrima, montañismo, natación, xadrez ou kickboxing, o que pon de manifesto a importancia do deporte na provincia de Pontevedra.
Na primeira quenda destas achegas a institución provincial repartiu 199.000 euros a 181 deportistas da provincia, das que 75 (o 41,4%) son mulleres; un dato que indica o impulso que está tendo o deporte feminino. De todas e todos eles 137 pertencen á categoría "Depo_Dan" (entre as que hai 58 mulleres) e as e os 44 restantes á marca "Depo_Promesa" (con 17 mulleres entre as e os deportistas que acadaron unha destas bolsas).
Ningún comentario:
Publicar un comentario