27 de out. de 2021

A GUARDA

A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda engalánase para celebrar o Samaín  

· Con divertidas propostas para os máis novos da casa



A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda xa está ambientada para o Samaín
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Dende fai uns días a Biblioteca Pública Municipal de A Guarda, emprazada no 1º andar do Centro Cultural da vila, xa se atopa engalanada para as datas do Samaín, cunha curiosa e terrorífica decoración que non deixará a ninguén indiferente.  

 Dese xeito, dende o Concello de A Guarda fan un convite a que as nais e os pais visiten este espazo xunto cos seus nenos e nenas, para gozar deste novo atractivo e, de paso, estimular e incentivar a lectura entre os máis pequenos da casa. 

 As propostas relacionadas co Samaín comezarán dende este venres día 29 de outubro, na Biblioteca Municipal que se suma á celebración do Samaín a través de dúas iniciativas:   

- A proposta “Facemos un trato?”, que obsequiará cun pequeno detalle a tódolos nenos que se acheguen durante o venres día 29 e o sábado día 30 ata a Biblioteca e leven un libro en préstamo, a cambio iso si, de deixar unha pequena mensaxe na decoración de Samaín que ambientará o espazo durante estes días.   

- E na mañá do sábado día 30 de outubro, ás 12h. o salón de actos do Centro Cultural da vila acollerá  o contacontos  “Contos para pasalo de medo”. Un espectáculo de Carmen Domech (Títeres Cachirulo) pensado para rapazas e rapaces de 4 a 11 anos. As prazas para este evento son limitadas polo que é preciso anotarse a través do enderezo electrónico centrocultural@aguarda.es  

 A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda vén incrementando notablemente o número de usuarios que solicitan o desfrute dos seus servizos, cun aumento no número de préstamos de libros, froito do traballo de dinamización deste espazo, da súa mellora e da adquisición progresiva de novos exemplares de variadas temáticas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario