14 de out. de 2021

A GUARDA

Co espectáculo poético “Rompente”, continúa na Guarda, a programación de outono

Terá lugar o venres 22 de outubro ás 21:00h no Centro Cultural e contará coa presencia de Antón Reixa 




Infogauda / A Guarda  

 En 1976, Alfonso Pexegueiro e Antón Reixa iniciaron a actividade pública de “Rompente Grupo de Comunicación Poética”. Durante o ano 1978 o colectivo pasa a estar formado por Camilo Valdeorras, Alberto Avendaño, Manuel María Romón. Finalmente, en 1979, a formación consolídase arredor de Reixa, Avendaño e Romón. 

 O ideario da iniciativa Rompente foi propoñer unha liña de traballo baseada na intervención pública cun concepto da escrita poética de forte carácter vangardista e innovador que viña rachar cos postulados da poesía social, aínda que o colectivo mostrou sempre unha combativa posición política, na liña de ruptura nos primeiros tempos posteriores á morte do xeneral Franco. 

Algo que levará boca 

 Recuperando a súa propia tradición interdisciplinar, Rompente propón un novo espectáculo con textos de Romón, Avendaño e Reixa, na súa maior parte novos e inéditos, para ser presentado nunha xira de 8 eventos en localidades e cidades de Galicia entre os meses de outubro e decembro do 2021. Con toda probabilidade, eses textos formarán unha nova publicación de Rompente nos próximos meses. 

 Na Guarda o evento terá lugar o venres 22 de outubro ás 21:00h no Centro Cultural, cun espectáculo poético que contará coa presencia de Antón Reixa. 

 As entradas están dispoñibles a través de: https://www.eventbrite.es/e/entradas-rompente-algo-que-levar-a-boca-185661146487 

Ningún comentario:

Publicar un comentario