16 de set. de 2021

VIGO

A CIG de Vigo chama a participar nas catro mobilizacións  convocadas na Unión Comarcal contra a estafa da luz 

A central desenvolverá protestas en todo o país este domingo 19.  Na área viguesa serán en Vigo, O Porriño, A Guarda e Cangas

 



Infogauda / Vigo

 Diante do imparábel aumento da factura da luz, a “impunidade” coa que actúan as eléctricas e o “nulo interese da Xunta do PP e do Goberno español de PSOE-Unidas Podemos para garantir con políticas públicas o acceso á electricidade en condicións asumíbeis, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, entende que é o momento de “dicir basta” e de plantarlles cara “á mafia das empresas eléctricas” e aos seus “gobernos cómplices” esixindo a fin da estafa da luz.  

 Gonçalves lembra que Galiza salienta pola súa capacidade de producir enerxía, exportando o 30% da electricidade que xera, “mais padecemos as consecuencias dun expolio colonial dos nosos recursos e soportamos unhas das tarifas máis caras, con millares de fogares padecendo pobreza enerxética”. 

 Incide en que a electricidade non pode ser un luxo para a poboación e unha fonte inagotábel de lucro para as grandes corporacións trasnacionais, “porque se trata dun ben esencial, básico, que ten que ser garantido dende o público”. 

 En consecuencia, reclama que se poña fin á propaganda e ás “promesas ocas” e se tomen decisións reais que poñan fin a esta situación inxusta. Neste senso, enumerou as principais propostas que a CIG vén formulando con este obxectivo, como son a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega e dunha empresa pública de enerxía, así como unha reforma a fondo do sistema tarifario para que deixe de engordar o oligopolio eléctrico. 

 Considera que para isto é necesario saír á rúa e mobilizarse para esixir solucións. “Por iso a CIG convoca protestas en todo o país este domingo 19, e facemos un chamamento a participar para dar unha resposta masiva a esta estafa da luz”.  

 No conxunto da Unión Comarcal haberá catro mobilizacións, que terán lugar ás 12:00 horas no farol de Urzaiz de Vigo, na casa do Concello do Porriño, na praza Avelino Vicente (As de copas) da Guarda e na casa do Concello de Cangas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario