30 de set. de 2021

TOMIÑO

‘Son de Monte’ presenta o seu proxecto de valorización en Tomiño  

O auditorio de Goián acollerá este sábado 2 de outubro unha xornada na que se dará a coñecer esta iniciativa e as súas experiencias piloto en xestión do monte  

O proxecto é froito da cooperación dos grupos de desenvolvemento rural Limia-Arnoia, Mariñas-Betanzos, Montes e Vales Orientais, EuRural, Condado Paradanta e Seitura 22 

 



Infogauda / Tomiño

 Unidos para coidar os montes e o rural galego. Seis grupos de desenvolvemento rural de Galicia presentan este sábado 2 de outubro en Tomiño o seu proxecto ‘Son de Monte’, unha iniciativa de futuro coa que se busca crear unha rede de traballo entre os diferentes axentes do territorio para contribuír de xeito activo á valorización do monte.  

 O proxecto é posto en marcha polos grupos de desenvolvemento rural: Mariñas-Betanzos (A Coruña), Montes e Vales Orientais (Lugo), EuRural (Pontevedra), Condado Paradanta (Pontevedra) e Seitura22 (A Coruña) e coordinado polo GDR Limia-Arnoia (Ourense), a través da medida 19.3 do PDR (Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia). 

 A orixe do proxecto situase en 2018 logo de coñecer as recomendacións da Comisión Parlamentar polos Lumes Forestais de 2017 e que tanto afectaron ao sur da provincia de Pontevedra. 

 Unidos estes 6 GDRs galegos para iniciar experiencias piloto de xestión do monte como a rexeneración tras un incendio, a posta en valor do rebolo e do bidueiro, a recuperación do cultivo do centeo ou a multifuncionalidade, o patrimonio e a compensación do CO2 en montes comunais.  

 ‘Son de Monte’ conta cun orzamento de 80.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, ao abeiro dos proxectos de cooperación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader. Conta ademais coa colaboración do Concello de Tomiño, da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e da Asociación Galega de Tracción Animal. 

Unha completa programación 

 Os GDRs presentarán a iniciativa este sábado 2 no auditorio de Goián, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha intensa xornada na que se afondará sobre diferentes aspectos da xestión do monte. As xornadas abrirán as súas portas ás 11.00 horas cunha benvida a cardo de Sandra González, alcaldesa de Tomiño; de Gumersindo Lamas, presidente do GDR10 Limia-Arnoa e por unha persoa representante da Consellería do Medio Rural. Tras o acto de apertura, procederase á presentar o ‘Son de Monte’, os seus obxectivos xerais e específicos deste proxecto de cooperación.  

 A xornada continuará cunha charla sobre a organización do monte en Galicia e a súa multifuncionalidade ás 11.45 h a cargo de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización galega de comunidades de montes veciñais en man común (OGCMVMC). Ás 12.30 horas será a quenda dos enxeñeiros de montes Alba Devesa e Antonio Soliño, que falarán sobre a pegada de carbono e a compensación por emisións de CO2. 

 Esta xornada é o punto de partida dun proxecto no que se traballará durante 12 meses nestas seis experiencias, para presentar, posteriormente, a Rede Galega de centros de información e promoción da cultura forestal, e que terá vocación de permanencia e ampliación a outros territorios. Xa pola tarde, o acto continuará cunha visita de campo e voluntaria ao Monte de Pinzás, en Tomiño, onde os e as participantes poderán coñecer de primeira man a experiencia de diversidade produtiva sustentable que se está a levar a cabo neste monte comunal.  

 As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través da web do proxecto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario