13 de set. de 2021

TOMIÑO

Tomiño rende homenaxe a Suso Montero pola súa implicación social e humana na vida do municipio  

A praza do Seixo ateigouse de veciños e veciñas nun emotivo acto que contou coa presenza de autoridades, familiares, amigos e compañeiras de traballo  


Jesús “Suso” Montero Villar - no centro da imaxe -, flanqueado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González e polo concelleiro e deputado provincial Uxío Benítez, nos momentos previos á celebración do Acto Cívico do Alivio, 2021
Fotos: C.T.
Jesús “Suso” Montero - á der. da imaxe - con Mari, súa esposa, e Magín X. Picallo, o sábado, na Praza do Seixo
Jesús “Suso” Montero recibiu os parabéns de moitas veciñas e veciños de Tomiño

Infogauda / Tomiño

 A praza do Seixo ateigouse este sábado durante a celebración do xa tradicional Acto Cívico do Alivio, este ano dedicado a Jesús “Suso” Montero Villar, coñecido e recoñecido pola súa activa implicación social na vida do municipio e polo seu destacado carácter humano, sempre disposto a axudar a todo o mundo de xeito desinteresado. 

 

Esas foron algunhas das imaxes que ofreceu a Praza do Seixo na homenaxe a Suso Montero


 No acto estiveron presentes os membros da corporación municipal, alcaldes e alcaldesas da comarca, autoridades e representantes dos corpos de seguridade, homenaxeados en anos anteriores, amigos, familiares e unha multitude de veciños e veciñas que arrouparon ao homenaxeado nunha emotiva xornada.  


O actor e locutor Suso Pando foi quen presentou a gala

 A gala, presentada polo actor e locutor Suso Pando, puxo en valor a figura do “Suso do INEM”, veciño incansable no seu labor asociativo e social. Nado en Castrelo de Miño no 1954 e veciño de Tomiño logo de casar coa súa muller, Mari, Suso foi membro das comisións de festas de San Brais durante dúas décadas, e da Nosa Señora. Participou na traída de augas de Vilar e na directiva da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tomiño, na que segue activo. Tamén destacou polo seu labor no deporte, sendo membro da directiva do Tomiño F. C. e promotor do Tomiño F. C. Feminino.  

 

            

Dous momentos da intervención de Jesús “Suso” Montero     

 

 Na súa intervención Suso non deixou de agradecer a presenza de todos e todas as asistentes “a quen lles gustaría poder saudar un por un”, ademais de lembrar a toda a xente que pasou polo ultramarinos que rexentaban seus pais cando era un cativo e que deixaron unha forte impronta nel. Tamén tivo palabras para lembrar a un dos seus íntimos amigos da infancia tristemente falecido ese mesmo día, o pediatra Juan Luis Villalón Rios, compañeiro co que estudou no colexio dos Maristas. Un papel destacado reservou nos seus agradecementos para a súa muller, Mari, un piar fundamental na súa vida. “Sempre ocupada nos labores domésticos, coidando do pai, logo dos irmáns, logo dos fillos, logo dos netos… e sempre de min”, declarou.  


Jesús “Suso” Montero agradecendo a homenaxe en presenza de Sandra González, alcaldesa de Tomiño, quen lle fixo entrega dun agasallo conmemorativo

 “Gratitude e recoñecemento por parte de toda a veciñanza de Tomiño” foron as palabras da alcaldesa Sandra González cara ao homenaxeado, a quen recoñeceu como “un dos imprescindibles nunha sociedade que aspira a ser mellor, amable e xenerosa cos seus veciños e veciñas”. Montero tamén destacou durante toda a súa vida polo seu marcado carácter humano e solidario, sempre disposto a axudar a todo o mundo, resolvendo dúbidas e asesorando a quen o precisou en multitude de xestións nunha época na que Internet e o acceso á información non eran tan asequibles como na actualidade.  

 A rexedora relatou o difícil que fora convencer “ao Suso” de que a homenaxe deste ano tiña que ser para el, xa que non entendía o por que do recoñecemento. “Pedinlle que o pensara, e que saíra a rúa e lle preguntara á xente se o merecía ou non. A proba de que é así témola hoxe aquí, con esta praza ateigada de veciños e veciñas que así o cren”, declarou.  

 A cerimonia contou tamén coa actuación previa da Treboada Baixo Miño e estivo amenizada pola Agrupación Musical de Goián, a cal ofreceu un concerto unha vez finalizado o acto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario