30 de set. de 2021

PONTEVEDRA

Portugal "toma nota" do Revitaliza como modelo de xestión de residuos para os seus municipios 

O director de Zero Associaçao Sistema terrestre sustentable e persoal técnico visitaron varios centros de compostaxe comunitaria en Moaña e Poio   


Na xornada de traballo participaron o director da entidade, Paulo Locas, así como dúas persoas responsables técnicas do desenvolvemento de sistemas de xestión de residuos, Pedro Horta e Sara Correia

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Representantes de Zero Associaçâo Sistema Terrestre Sustentável, de Portugal, unha fundación sen ánimo de lucro que asesora aos municipios portugueses en materia de residuos, vén de realizar unha visita á provincia de Pontevedra para coñecer de primeira man o Plan Revitaliza de compostaxe e ver a posibilidade de trasladalo e adaptalo aos municipios lusos, principalmente da zona de Fátima e o Norte de Lisboa.  

 Na xornada de traballo participaron o director da entidade, Paulo Locas, así como dúas persoas responsables técnicas do desenvolvemento de sistemas de xestión de residuos, Pedro Horta e Sara Correia. A entidade coñeceu do traballo que está a realizar a Deputación a raíz do informe realizado sobre o Revitaliza trala visita de Zero Waste á provincia de Pontevedra e considerou interesante afondar sobre os datos concretos, o tempo que leva en marcha a iniciativa, o persoal que se destina ao programa e tamén as condicións nas que se realiza o tratamento de quilómetro cero.  

 A visita comezou nas instalacións do Revitaliza cunha exposición teórica sobre cifras de implantación na provincia de Pontevedra, os resultados, os investimentos e as perspectivas de futuro, a distribución dos centros de compostaxe comunitaria e o reparto de composteiros individuais, o proceso da compostaxe e a cantidade de poboación atendida con este sistema.  

 Posteriormente fíxose un percorrido práctico que pasou por Moaña –coa recepción do concelleiro Odilo Barreiro- visitando os CCC da rúa Daniel Castelao , da Praza de Abastos, o de Concepción Arenal e da Praza de Lola Diz, para logo cambiar de municipio cara a Poio e coñecer o funcionamento do composteiro da Praza de Ferrreirós. Segundo explicou o persoal técnico provincial todos os CCC implantados na provincia seguen os mesmos parámetros potenciando o tratamento en o quilómetro cero.  

 As representantes portuguesas, que subliñaron que en Portugal apenas existen iniciativas puntuais de compostaxe, amosáronse sorprendidas polo grao de implantación e a implicación da cidadanía pontevedresa, polo que consideraron que o Revitaliza é un exemplo a seguir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario