30 de set. de 2021

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra celebra o Día Europeo da Arte Rupestre con charlas e obradoiros creativos 

A Cova Eirós ou o Castro de Formigueiros serán dous dos lugares sobre os que versarán as actividades, destinadas a público xeral e familiar, os vindeiros venres 8 e sábado 9 de outubro  


O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Europeo da Arte Rupestre
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Europeo da Arte Rupestre cunha programación organizada para poñer de relevo a importancia cultural, artística e turística da arte prehistórica de toda a xeografía europea e que conta con numerosos exemplos no caso galego. A Cova de Eirós e o Castro de Formigueiros, de feito, serán dous dos eixos nos que se centrarán as actividades, destinadas tanto a público xeral como familiar, os vindeiros venres 8 e sábado 9 de outubro.  

 A primeira iniciativa será no Edificio Castelao, que acollerá o venres 8, ás 19:30 horas,  unha charla divulgativa a cargo do catedrático de Prehistoria da USC Ramón Fábregas titulada ‘Cova  Eirós e as súas manifestacións artísticas'.  

 O sábado, día 9, as actividades centraranse no taller ‘Unha mirada ao pasado, viaxando pola prehistoria de Galicia' que se desenvolverán ás 12:00 e ás 17:00  horas. Ao longo dunha hora, as persoas participantes asistirán a unha pequena introdución teórica que lles permitirá obter unha visión diacrónica da arte rupestre prehistórica galega, a través dunha exposición que irá desde os gravados e pinturas dos dolmens ata os da época castrexa, facendo fincapé nos atopados no castro de Formigueiros.  

 O apartado práctico desta proposta virará ao redor dos petróglifos da Idade do Bronce e das pinturas, tanto megalíticas como ás novas aparicións en lugares como  Casaio, Penedo Gordo ou Lobarzán. As familias inscritas nesta acción terán a oportunidade de coñecer técnicas, temas, ferramentas, pigmentos e  aglutinantes cos que plasmarán un motivo prehistórico real utilizando un calco sobre unha bolsa de tea de algodón que poderán levar. 

 Debido a que o aforo de ambas as dúas propostas está limitado polas restricións sanitarias, será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario