14 de set. de 2021

O ROSAL

O Rosal vai celebrar as súas primeiras  Xornadas de Cine  

A Abadía das Eiras acollerá o 17 e 18 de setembro a proxección de cinco creacións audiovisuais que non se soen atopar nos circuítos habituais 



Infogauda / O Rosal

 O Rosal acollerá os vindeiros venres 17 e sábado 18 de setembro as súas primeiras Xornadas de Cine. Un proxecto que naceu a proposta de Xoán Carlos Gándara González e que está organizado por el mesmo e pola Concellería de Cultura que ten por obxectivo achegar ao público rosaleiro unha oferta cinematográfica difícil de atopar nos circuítos habituais. Ademais, a iniciativa conta tamén coa colaboración de dous realizadores vinculados por motivos persoais e familiares ás Eiras, como son Sonia Méndez, directora do documental ‘A poeta analfabeta’, e Gon Caride, que ven de obter dous premios pola súa película ‘Deux Options’ na última edición do Festival de Cans.  

 Nesta primeira edición proxectaranse dous documentais e tres curtametraxes creados por realizadoras e realizadores galegos, como a viguesa Noemí Chantada, a guardesa Arancha Brandón, o tudense Víctor Coyote, a propia Sonia Méndez e o Grupo San Roquiño, de Goián. Todas e todos eles estarán presentes na proxección dos seus traballos, o que vai permitir aos asistentes participar nun coloquio no que se poderá falar sobre os filmes en particular ou sobre o cine galego en xeral. 

 O programa arrancará o venres 17 ás 20.30 horas coa proxección da curta do Grupo San Roquiño ‘O coitado Nato’ e ‘A Poeta Analfabeta’, dirixida por Sonia Méndez. Xa o sábado 18, a partir das 20.30 horas poderá verse ‘A Typical Morning’, unha curta dirixida por Arancha Brandón; ‘Xoves de Comadres’, de Noemí Chantada; e ‘Traballadores do contrabando’, un documental de Víctor Coyote. 

 As proxeccións terán lugar nos xardíns da Abadía das Eiras con entrada gratuíta ata completar aforo. En caso de chuvia, a actividade trasladarase ao Auditorio Municipal. Dende a organización destas I Xornadas de Cine do Rosal quérese facer un agradecemento especialmente aos propietarios da casa rural da Adabía das Eiras “pola súa disposición e facer posible a celebración destas primeiras xornadas neste fermoso espazo”, como salientou o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva Domínguez. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario