16 de set. de 2021

LABORAL

Unha nova sentenza recoñece como falso autónomo o  persoal de Servicarne que traballa para Frigolouro 

O Xulgado do Social de Vigo confirma unha vez máis as teses da  CIG de que se trata de traballadores/as por conta allea 


Imaxe de arquivo dunha mobilización convocada pola CIG reivindicando a inclusión do persoal de Servicarne no Réximen Xeral 
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Unha nova sentenza, nesta ocasión do Xulgado do Social número 2 de Vigo, recoñece a relación  laboral existente entre as empresas do Grupo Coren e o falso persoal cooperativista de Servicarne,  confirmando as teses da CIG, que leva anos denunciando en solitario que se trata de  traballadores/as por conta allea e non autónomos/as, como as compañías sosteñen. 

 Esta decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do TSXG, chega tras a actuación de oficio da  Tesourería Xeral da Seguridade Social para dar de alta no réxime xeral a todo o persoal de Servicarne que presta servizo en Frigolouro do Porriño, ao constatar que o verdadeiro empresario do persoal de Servicarne é Frigolouro, empresa esta última que “organiza o traballo, asume o risco das operacións  e coloca a súa estrutura ao servizo dos traballos e dos teóricos socios/as traballadores/as de  Servicarne”. 

 Na acta de infracción da Seguridade Social, que recolle a sentenza, establécese que existe  dependencia da actividade da cooperativa respecto do proceso produtivo da empresa, que a  cooperativa carece de autonomía real para organizar e dirixir o traballo, así como que esta non  realiza xestión de provedores nin ten unha política única de dirección de empresa dos utensilios nin  da roupa de traballo. 

 Tamén recolle que a prestación de servizos efectúase persoalmente, con permanencia e de xeito  habitual dentro da organización de Frigolouro, non tendo os socios/as as facultades pertinentes para aceptar ou rexeitar o traballo encomendado. Ademais, Servicarne non aporta outro elemento que a  man de obra e as súas xornadas laborais rematan canda as de Frigolouro.  

 De feito, sostén que a transferencia económica efectuada pola empresa á cooperativa “vén a  enmascarar o pago de salarios aos socios/as en retribución polos servizos en conta allea prestados á  mesma”. Polo tanto, dá por confirmado que concorren os elementos de “alleidade, dependencia e  retribución” que caracteriza o traballo por conta allea. 

Loita en solitario da CIG 

 As sentenzas feitas públicas nos últimos meses que están a confirmar que se trata de persoal falso  autónomo, polo que procede dalo de alta no réxime xeral da Seguridade Social, son consecuencia da loita que mantén a CIG xunto a moitos/as dos afectados/as dende hai anos para denunciar as  condicións de explotación que padecen estes/as traballadores/as e reclamar o seu recoñecemento  como persoal por conta allea.  

 Dende o primeiro momento a central sindical tivo que batallar en solitario, sen o apoio do resto dos  sindicatos con representación nestas empresas, e coa oposición das propias direccións das  compañías, aínda que agora algúns destes sindicatos “se subiran ao carro” para intentar “anotarse  un tanto” e xustificarse pola súa “complicidade” coas empresas, segundo critican dende a FGAMT-CIG. 

 Andando o tempo, as denuncias presentadas pola CIG diante da autoridade laboral en Ourense,  Pontevedra e Lugo derivaron na creación dunha dirección especial na Inspección de Traballo adscrita á autoridade central e ás direccións territoriais para investigar a fraude de enormes dimensións que  se agochaba no sector cárnico, que utilizaba a Servicarne como fornecedora de man de obra barata  e sen dereitos de ningún tipo.  

 A investigación rematou coa alta de oficio na Seguridade Social de miles de traballadores/as e que as grandes empresas do sector lles tiveran que aplicar as condicións laborais do resto do seu cadro de  persoal. As compañías recorreron a decisión, pero os xulgados están a darlle a razón á CIG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario