8 de set. de 2021

GALICIA

Xosé Bustelo e César Serrano recollerán este xoves en Santiago, os Premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal  

Xosé R. García Bustelo recibirá o IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica e César Serrano, oncólogo do hospital Vall d`Hebron, o II Premio Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica   

O acto, que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos cumprindo con todas as medidas sanitarias, estará presidido, un ano máis, polo xefe do Executivo galego  


O Dr. Xosé Ramón García Bustelo recibirá o IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica
O Dr. César Serrano recibirá o II Premio Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica

Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela

 Este xoves 9 de setembro terá lugar en Santiago de Compostela a gala de entrega dos Premios de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal fallados en 2020 e que non se puideron entregar por mor das restricións impostas pola pandemia.   

 Este acto, que cumprirá todas as medidas de seguridade que impón a actual situación sanitaria, estará presidido, unha vez máis, polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. A cita servirá para entregar o IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica ao Dr. Xosé Ramón García Bustelo e o II Premio Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica ao Dr. César Serrano. Ambos estarán presentes no acto que dará comezo ás 19:30 horas e no que participará unha destacada representación do mundo científico, médico e académico de Galicia.  

 O Padroado do Premio de Investigación Oncolóxica lembra que está aberta xa a  convocatoria dunha nova edición, que será a décima para o Premio Internacional, dotado con 20.000 euros, e a terceira para 'Talentos Emerxentes', que conta cunha dotación económica de 6.000 euros. As candidaturas a ambos os premios poderanse presentar ata o 28 de febreiro de 2022 e tanto as bases como toda a información está dispoñible na páxina web premioramirocarregal.com/oncologia na que tamén se inclúe un espazo para presentar directamente as propostas.   

 A organización do certame quere destacar “o compromiso do empresario e mecenas Ramiro Carregal coa medicina, a ciencia e a investigación, un apoio que sempre estivo presente pero que se fai especialmente relevante nun momento como o actual”. A convocatoria da décima edición deste Premio Internacional “supón un alento para o mundo da investigación e un exemplo de responsabilidade social e empresarial digno de eloxio”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario