8 de set. de 2021

GALICIA

DÍA MUNDIAL PARA A PREVENCIÓN DO SUICIDIO 

Saúde Mental FEAFES Galicia pon o foco sobre a relevancia da problemática do suicidio na nosa comunidade  

Segundo datos do IMELGA, no 2020 faleceron 307 persoas por suicidio en Galicia, unha cifra que segue a situar ao suicidio como un problema sanitario e social de considerable relevancia na nosa comunidade.  

 

Unha persoa recibindo atención nunha delegación de Saúde Mental FEAFES Galicia 

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela 

 O 10 de setembro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, sendo este, segundo a OMS, un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria, máis agora no contexto de crise sanitaria, económica e social que estamos a vivir a causa da COVID-19. 

 Por iso, Saúde Mental FEAFES Galicia quere reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, sendo preciso traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade. 

 No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. En Galicia, no ano 2020, morreron por esta causa 307 persoas (220 homes e 87 mulleres), cunha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional e o 11,93% europeo. A nosa comunidade ocupa o segundo lugar na taxa de suicidios en España tras Asturias, e o quinto en cifras absolutas tras Andalucía, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Madrid. 

 Se ben no 2020 houbo 11 suicidios menos en Galicia que no ano anterior, estas seguen a ser cifras moi elevadas, triplicando as mortes por accidente de tráfico, que se sitúan en 104. En termos absolutos, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra (135), seguida de Pontevedra (98), Lugo (43) e Ourense (31). En termos relativos, na cabeza tamén se atopa A Coruña (17,16 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguida de Lugo (12,47), Pontevedra (10,72) e Ourense (10,02) 1. 

A abordaxe a través da prevención  

 Non obstante, previr os suicidios é posible. Para iso, é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen arredor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco poidan buscar axuda. A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van dende a educación na infancia e na mocidade ata o tratamento eficaz dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información. 

 Neste senso, o papel dos medios de comunicación é clave para concienciar á poboación sobre este problema de saúde pública e iniciar a súa prevención, pois o trato responsable da información sobre o suicidio axuda a reducir a súa incidencia. 

 Por outra banda, é necesario que as institucións e os gobernos prioricen o suicidio como problema de saúde pública e desenvolvan estratexias integrais multisectoriais de prevención. En Galicia contamos cun Plan de Prevención do Suicidio que establece mecanismos de coordinación para que diferentes organismos traballen conxuntamente na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas e familias que están nesta situación. Este plan debe ser implementado dun xeito real, efectivo e firme para dar unha resposta axeitada ás necesidades que require esta problemática. 

Conecta coa vida 

 Coa fin de sensibilizar acerca do suicidio e favorecer a prevención, Saúde Mental FEAFES Galicia conta coa web conectacoavidagalicia.org, un espazo que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe: datos, mitos e falsas crenzas, o papel dos medios de comunicación, factores de risco e de protección, sinais de alerta, lugares aos que acudir, recursos de utilidade, etc.  

 Ademais, arredor do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións federadas compartirán nas redes sociais unha serie de infografías con información relevante e contrastada sobre esta realidade.  

Saúde Mental FEAFES Galicia 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que ten como misión representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. De carácter social, Saúde Mental FEAFES Galicia trata de adoptar medidas que contribúan á mellora da calidade de vida deste colectivo. O seu ámbito de actuación abrangue todo o territorio autonómico, agrupando actualmente a 12 asociacións que posúen centros e servizos en preto de 30 localidades galegas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario