Román Rodríguez salienta a forza do proxecto cultural do cineasta Oliver Laxe e a Xunta nos Ancares
Tras a rehabilitación da súa antiga casa familiar na parroquia de Vilela, realizaranse diferentes actividades culturais abertas á cidadanía e organizarase un cineclube gratuíto
Fotos: X.G.
O conselleiro agradeceu a iniciativa do cineasta que demostra, dixo, “o poder da cultura para dinamizar e favorecer o desenvolvemento económico do noso rural”
Recordou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten previsto ampliar os investimentos na zona tras os últimos achados no xacemento de Teso da Ermida
Infogauda / Navia de Suarna (Lugo)
Neste sentido, Román Rodríguez referiuse aos importantes investimentos do seu departamento para poñer en valor o seu gran potencial arqueolóxico, como o xacemento O Teso da Ermida, onde se realizaron diferentes campañas nas que se atoparon ata sete vivendas e pezas da época romana e que está preparado para a súa visita. Como expresou, o seu departamento ten previsto ampliar de cara a 2022 os investimentos en 40.000 euros para poñer en valor unha capela que se atopaba oculta e que se atopou na última campaña arqueolóxica, co que o seu departamento elevará o seu investimento en 70.000 euros no eido patrimonial.
Rehabilitación
No que se refire ao proxecto visitado hoxe, en virtude dun convenio por importe de 85.000 euros coa Asociación Ser, impulsada polo cineasta galego, o Goberno autonómico colabora coa iniciativa para o que se acondicionou e rehabilitou un novo espazo situado na parroquia de Vilela –a súa antiga casa familiar- con espazos abertos ao público nos que se desenvolverán actividades de creación cultural que fomenten o intercambio coa poboación local. En concreto, organizaranse obradoiros, conferencias, proxeccións de cinema, actividades de desenvolvemento rural e encontros comunitarios de carácter social e cultural.
A Asociación Ser quere contribuír a frear o despoboamento da comarca dos Ancares no seu conxunto a través de accións que favorezan o seu desenvolvemento económico, social e cultural, de xeito sustentable, inclusivo e respectuoso co medio natural e as formas de vida tradicionais, mellorando a calidade de vida da veciñanza. Busca fortalecer, ademais, a identidade cultural da comarca, potenciar unha cultura de autoestima e de superación de complexos revalorizando o noso.
Ademais destas iniciativas, a Asociación Ser pretende tamén organizar na súa sede un cineclube gratuíto que amose un mínimo de catro filmes ao ano cunha programación espacial vencellada ao rural, proxeccións acompañadas de debates dinamizadas polo cineasta Oliver Laxe e por profesionais ou docentes do eido do cinema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario