2 de set. de 2021

A GUARDA

O campamento urbano concluiu cun gran éxito de participación  

O Concello de A Guarda continúa apostando firmemente pola conciliación no verán aumentando o número de prazas e a duración do campamento urbano.  


Monitoras, nenas e nenos, nunha actividade do campamento urbano realizada no Parque do Cancelón (O Montiño)
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O campamento urbano 2021 do Concello de A Guarda vén de rematar cun notable éxito. Deste xeito, un total de 60 nenos e nenas participaron nas diversas actividades programadas que tiveron lugar nos colexios de Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, na fortaleza de Santa Cruz, no Parque do Cancelón (O Montiño) e na praia Area Grande, distribuídos en grupos burbulla, co obxectivo de reducir os riscos de contaxio. 

 

Grupo de nenas e nenos que participaron no campamento urbano, desfrutando dunha mañá na praia Area Grande

 Este ano o equipo de goberno municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz considerou "prioritario atender durante a época estival, as necesidades das familias guardesas en relación á conciliación entre vida familiar e laboral, e para iso decidiu aumentar o número de prazas de 40 a 60, o que supuxo un incremento dun 50% respecto a anos anteriores.   

 Ademais alongouse o período de duración do campamento e se reservou unha porcentaxe de prazas para nenos e nenas con diversidade intelectual, que estiveron apoiados por monitores con formación específica, aproveitando este entorno para favorecer a súa plena integración".  


O alcalde de A Guarda e a concelleira de Servizos Sociais, cun grupo de nenas e nenos, na fortaleza de Santa Cruz

 Como vén sendo habitual "o Concello de A Guarda solicitou á Secretaría Xeral de Igualdade a subvención para conciliación que cubre actividades deste tipo, quedando en lista de agarda nun primeiro momento. O custo do campamento ascende a 18.000€ aproximadamente, e coas aportacións das familias só se pode cubrir unha terceira parte do total.  

 Malia este contratempo, o equipo de goberno apostou por seguir adiante coa idea de celebrar o campamento e decidiuse poñelo en marcha con fondos propios, retendo cantidades doutras partidas orzamentarias e incluso solicitando á Deputación de Pontevedra destinar fondos do Plan Concellos para asumir parte do custo do campamento, en lugar de para outras actividades que estaban planificadas inicialmente".  

 En definitiva, tanto o alcalde como os demais membros do equipo de goberno consideraron "prioritario atender as necesidades das familias e apostouse por dedicar os recursos, tanto económicos como humanos, que foran necesarios"

 Desde o equipo de goberno local tamén agradecen "o tempo e esforzo que as técnicas municipais tiveron que inverter para sacar adiante a contratación nun período reducido, persoal que podería estar dedicado á contratación doutros servizos,  pero que o executivo local preferiu destinar a solucionar os problemas reais da cidadanía".  

 Asemade o goberno municipal fai público que "a finais de agosto recibimos unha moi boa noticia da Secretaría Xeral de Igualdade que, grazas a unha ampliación do crédito na liña de conciliación, notificou ao Concello a aprobación da subvención polo total da cantidade que se solicitara inicialmente. Con esta aportación poderá sufragarse gran parte do custo do campamento, e poderán destinarse os fondos propios inicialmente retidos no Concello para outras actuacións necesarias para o pobo". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario