21 de set. de 2021

A GUARDA

A dirección de IKF dá marcha atrás nalgunhas propostas pero sigue negándose a rebaixar a dobre escala salarial 

O cadro de persoal da fábrica das Cachadas, que cumpre hoxe 26 xornadas de folga, continuará coas medidas de presión 

 

Membros do comité de empresa, traballadores/as de IKF da fábrica das Cachadas e representantes da CIG, diante da fábrica na recente mobilización 

Foto: CIG


Infogauda / A Guarda

 A dirección de Imerys Kiln Furniture España S.A. (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede nas Cachadas (A Guarda),  aceptou onte - segundo fixo público a CIG-Construción no día de hoxe - sentarse a negociar a renovación do pacto laboral e amosouse disposta a dar marcha atrás nalgunhas das súas propostas, pero sigue negándose a rebaixar a duración da  dobre escala salarial. En consecuencia, o cadro de persoal, que cumpre hoxe 26 xornadas en folga,  continuará coas medidas de presión ante os intentos da compañía de recortar dereitos e precarizar  as condicións laborais”. 

 Na CIG-Construción explican que os responsábeis da compañía convocaron onte o comité de  empresa para retomar os contactos. “Previamente a dirección recoñeceu nun escrito que tomou  nota da manifestación celebrada o pasado mércores na Guarda, polo que querían rectificar unha  serie de cousas. En concreto, “aceptaron dar marcha atrás na súa pretensión de obrigar os  empregados/as a traballar os sábados pola tarde e a gozar das vacacións fóra do período estival”. 

 Mais IKF non se cede na súa intención de prolongar no tempo a dobre escala salarial pactada co  anterior comité. “Aseguran que o futuro da empresa pasa por abaratar os custes laborais, por iso  tamén se negan a un incremento salarial por enriba do que marca o convenio estatal”.  

Proposta do comité 

 Dende a central sindical denuncian que a dirección considere que unha persoa que entra na compañía ten que estar oito anos desenvolvendo o seu labor para ser produtiva e poder cobrar o  mesmo que o resto de compañeiros/as. “Cando botan man a diario de persoal de ETT agora veñen  con que ten que pasar este tempo para que unha persoa equipare o seu rendemento co dos  traballadores/as levan máis na empresa”. 

 Consideran que a proposta do comité de empresa “é perfectamente asumíbel”, xa que “contempla  manter a dobre escala salarial o primeiro ano, aumentar o soldo un 30% no segundo, un 70% no  terceiro e cobrar o mesmo que o resto de compañeiros/as a partir do cuarto. Neste senso, lembran  que a propia autoridade laboral recoñeceu que non existe en toda Galiza unha dobre escala salarial  tan agresiva como a que estaría disposta a asumir o cadro de persoal”.  

 Diante disto, reclaman unha intervención decidida da Administración no conflito “porque os  traballadores/as séntense totalmente desprotexidos ante a ofensiva desta transnacional para  recortar os seus dereitos e precarizar as súas condicións laborais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario