As “Andainas Saudables” de Cruz Vermella no Baixo Miño darán inicio o 24 de agosto
Esta actividade fomenta hábitos de vida saudable e mellora as relacións sociais en persoas maiores e a súa contorna próxima.
Infogauda / Tui
Co obxectivo de fomentar o deporte e os hábitos saudables, este 24 de agosto, Cruz Vermella Baixo Miño dará comezo á actividade “Andainas saudables” na cidade de Tui.
Estas saídas terán lugar pola mañá e están enfocadas a persoas maiores que, a través da práctica deportiva, poderán gozar da súa contorna natural á vez que melloran as súas relacións sociais na súa contorna próxima e comunitaria. A actividade estará dirixida por voluntariado da Cruz Vermella e financiado pola Xunta de Galicia. Ademais desta actividade, desde a entidade están a desenvolverse máis talleres dirixidos a persoas maiores, como o de manexo de novas tecnoloxías, os cales teñen como obxecto mellorar a calidade de vida deste grupo de idade e favorecer un envellecemento activo e saudable.
Para participar nestas actividades é necesario inscribirse previamente na Asemblea Comarcal do Baixo Miño, situada na rúa Agustin Nandín Lomba, nº 1 baixo (A Guarda), ou no teléfono 986 614 609.

Ningún comentario:
Publicar un comentario