16 de ago. de 2021

TOMIÑO

Inauguradas as obras do proxecto "Máis Goián" de recuperación do espazo público  

· No acto aproveitouse para presentar a escultura de Magín X. Picallo dedicada ao pintor D. Antonio Fernández 


Un momento da intervención da alcaldesa de Tomiño e vista dunha parte do público que asistiu á inauguración

Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A praza principal da parroquia tomiñesa de Goián acolleu o venres día 13 de agosto á noite, a inauguración das obras de reconfiguración e recuperación do espazo público do proxecto "Máis Goián" finalizadas recentemente.  


O escultor Magín X. Picallo Durán a carón do monumento ao pintor goianés D. Antonio Fernández Gómez

 A presentación das obras do novo e transformado núcleo urbano da parroquia, serviu tamén como acto de inauguración dunha escultura dedicada ao famoso pintor goianés D. Antonio Fernández Gómez (que dá nome á praza), realizada polo escultor Magín X. Picallo Durán, residente en Goián dende hai 60 anos. Trátase dunha estatua de dous metros de altura esculpida en bronce, sendo a primeira obra pública do autor na súa vila adoptiva. 

 

Un momento da actuación da banda de música Agrupación Musical de Goián, autoridades e autor do monumento ao pintor D. Antonio Fernández Gómez

 O acto, ao que asistiron unhas 500 persoas, estivo amenizado pola banda de música Agrupación Musical de Goián e contou coas intervencións do deputado provincial e 1º tenente alcalde de Tomiño, Uxío Benítez Fernández (veciño de Goián); do autor da peza escultórica, Magín X. Picallo Durán; da alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego. Previamente á inauguración, as autoridades realizaron un percorrido polas obras, acompañados polos técnicos que desenvolveron o proxecto.   


O deputado provincial e 1º tenente alcalde de Tomiño, Uxío Benítez Fernández, na súa intervención

 O proxecto Máis Goián, materializado en distintas fases durante os últimos anos (dende o 2017), ten como obxectivo revitalizar a vida social, comercial e cultural a través da creación dun centro urbano atractivo que conecte os equipamentos públicos existentes a través da mobilidade peonil. “En Goián temos o privilexio de poder cunha gran cantidade de equipamentos públicos como o auditorio, a escola infantil, o consultorio médico, o CEIP Antonio Fernández, o pavillón e moitos outros, todos moi próximos, a menos de dous minutos andando, pero que ata o de agora estaban de costas entre eles", explicou Benítez.   

 A intervención, na que se investiron preto de dous millóns de euros, contou co apoio económico da Deputación de Pontevedra, o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible, etc.   

 Aínda falta por rematar a creación dun parque de patinaxe e dunha pista polideportiva, pero o proxecto xa ten como resultado un grande aumento do espazo público preferente para as persoas, que pasa de 7.150  a 43.800m2, o que o converte no maior proxecto de recuperación de espazo público da comarca e un dos maiores do país.  

 Ademais da peonalización da praza Antonio Fernández, das súas inmediacións e da Avenida Ordóñez, no proxecto ten tamén moita importancia a creación de zonas verdes, dedicando 2.200m2 destes espazos para zonas axardinadas e arbóreas, con 115 novas árbores introducidas, ademais da recuperación dunha carballeira de 7.000 m2 para o desfrute da veciñanza.   

 Tamén destaca a ampliación do recinto do colexio Pintor Antonio Fernández, con máis de 1.500 m2 de zonas verdes; a rehabilitación da contorna das escolas vellas, a mellora da eficiencia enerxética do Mercado de Goián. e a creación de tres aparcadoiros municipais con máis de 200 prazas de estacionamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario