10 de ago. de 2021

SALCIDOS (A GUARDA)

 ACTOS NA HONRA DE SAN ROQUE

Na igrexa parroquial de Salcidos




Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos

 Continuando cunha tradición que vén desde tempos antigos, a parroquia de San Lourenzo de Salcidos, vai conmemorar, un ano mais, a festividade de San Roque. 

 Os cultos relixiosos comezarán o vindeiro venres día 13 deste mes de agosto, coa novena ao santo que de acordo coa súa haxiografía, naceu en Montpellier (Francia), ainda que non temos constancia concreta da data exacta do seu natalicio. Con todo, sábese que percorreu Italia, atendendo e curando enfermos afectados pola peste - con soio facer sobre os doentes a sinal de cruz - en Acquapendente, Cesena, Roma, Rímini e Novara.

 A iconografía acostuma a amosarnos a imaxe de San Roque vestido coma un peregrino, provisto dun saio cinguido á cintura cun cordón, e por riba do saio unha capa. Como prenda de cabeza, un sombreiro de ala ancha, en cuxa parte frontal ollamos unha cuncha de vieira, semellante as que leva na capa preto de cada ombreiro. A imaxe presenta na man esquerda, un bordón do cal na parte superior pendura unha pequena cabaza.

 Asemade, na imaxinaría o santo amosa a ferida que ten nas extremidades inferiores - na imaxe que se venera na capela salcidense é a dereita - e ao seu carón un anxo e un cadelo - chamado Rouna - cun pan na súa boca.

 Ademáis de persoas chegadas doutros pobos da contorna - mesmo (como nos consta) de parroquias distantes máis de 40 quilómetros -, na parroquia guardesa de Salcidos hai moita devoción a San Roque, un dos patrons dos peregrinos, e avogado contra a peste, a cólera, e toda clase de epidemias, así como padroeiro dos enfermeiros/as e cirurxáns, impedidos e das persoas acusadas falsamente, así como dos cans.

 Ainda que súa onomástica é o día 16 de agosto, en Salcidos será o domingo día 22, ás 11:30 horas, cando se celebre cunha misa rezada na honra do santo, sendo ás 12 horas a misa solemne. 

 A conmemoración da festividade de San Roque permítenos relembrar aquelas procesións doutrora, na que ademáis de persoas devotas do santo, ían - e ainda hoxe en día - algunhas ofrecidas que levaban por riba da súa vestimenta unhas "mortaxas", e algunha mesmo ía de xeonllos desde á igrexa á capela do santo, e viceversa, acompañando a imaxe do santo. Sen dúbida, un duro sacrificio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario