As Rutas de Arquitectura da Deputación de Pontevedra ofrecen visitas a pazos, mosteiros, igrexas e castelos de dez concellos da provincia
Son catro itinerarios, organizados xunto coa Real Academia Galega de Belas Artes, que percorrerán Poio, Pontevedra, Oia, A Guarda, Tomiño, Moraña, Catoira, Meis, Cambados e Ribadumia entre o 18 de setembro e o 9 de outubro
Infogauda / Pontevedra
Os pazos, mosteiros, as construcións civís, castrenses e relixiosas da provincia, son os protagonistas das Rutas de Arquitectura cos que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para difundir o noso patrimonio en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes. Nesta edición serán catro as andainas previstas, que percorrerán espazos de dez concellos da provincia e que terán lugar os sábados pola mañá do 18 de setembro ao 9 de outubro, cun total de 100 prazas.
Cada un dos catro itinerarios, que terán lugar en horario de 10:00 a 13:30 horas, contará con 25 prazas e terá como guías ás doutoras en Arquitectura Estefanía López e Luz Paz. Para participar é precisa a inscrición previa, que xa pode realizarse no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto.
Os percorridos arrancarán o 18 de setembro coa ruta por Pontevedra e Poio que tivo que suspenderse o pasado ano por mor da COVID-19, e que conducirá Estefanía López. Nela, as persoas participantes visitarán as ruínas de San Domingos, pazos urbanos e as igrexas da Peregrina e San Bartolomé en Pontevedra, así como o mosteiro de Poio.
A segunda das andainas desenvolverase o 25 de setembro na comarca do Baixo Miño, onde tamén Estefanía López guiará este percorrido polo mosteiro de Santa María de Oia; a igrexa de Santa María e a fortaleza de Santa Cruz, no concello da Guarda; e a fortaleza de San Lorenzo, en Goián (Tomiño).
Doutra banda, Luz Paz ofrecerá as explicacións da ruta que terá lugar o 2 de outubro pola comarca de Caldas, nos concellos de Moraña e Catoira. Nel visitaranse o santuario dos Milagres de Amil (Moraña), e as Torres do Oeste, a ermida e a carballeira de San Cibrán de Dimo en Catoira. Por último, o 9 de outubro a mesma guía conducirá a ruta por espazos patrimoniais na comarca do Salnés. Partirá do mosteiro da Armenteira (Meis) e continuará pola igrexa de Santa María de Dozo (Cambados) e o pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia).
O desenvolvemento destes percorridos estará guiado por un estrito protocolo con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias e será obrigatorio o uso de máscara.
Ningún comentario:
Publicar un comentario