28 de ago. de 2021

PATRIMONIO

Román Rodríguez anuncia un investimento de 225.000€ para un centro que divulgue o pasado romano de Bueu  

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visitou hoxe o Museo Massó onde informou da colaboración co Concello para musealizar os restos atopados na escavación da Pescadoira que inclúen vestixios dunha fábrica de salgadura do s. II d.C. 


O conselleiro de Cultura - á der. da imaxe - visitou hoxe o Museo Massó onde informou da colaboración co Concello para musealizar os restos atopados na escavación da Pescadoira que inclúen vestixios dunha fábrica de salgadura do s. II d.C. 

Foto: X.G.

“Supón un paso importante para difundir o patrimonio cultural asociado á cultura mariñeira galega e completar a intensa oferta museística da localidade que tamén se ampliará con máis espazos expositivos no Museo Massó”, avanzou  

Con este proxecto percorrerase cronoloxicamente a historia da pesca e o patrimonio marítimo en Bueu comezando pola nova Sala de Interpretación do Bueu Romano para seguir no Museo Massó e rematar coa visita ao Estaleiro de Purro


Infogauda / Bueu (Pontevedra)

 O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe en Bueu que a Xunta de Galicia impulsará a posta en marcha dunha nova Sala de Interpretación que poña en valor o pasado romano da vila cun investimento de 225.000 euros. Como explicou, trátase dunha infraestrutura que suporá un paso importante para difundir o patrimonio cultural e completar a oferta museística da localidade, onde se sitúa xa o Museo Massó -un dos máis importantes da Península no ámbito da cultura mariñeira- e fará posible divulgar os restos atopados nos dous xacementos arqueolóxicos descubertos durante as escavacións do lugar da Pescadoira.

 “A Xunta sufragará máis do 80% da obra que suporá facer visitables uns fondos de especial valor para a vila e tamén para o resto de Galicia”, expresou. Neste sentido, informou que esta colaboración, que se materializará a través dun convenio co Concello, suporá a musealización de pezas que corresponden a un obradoiro de cerámica como un forno de planta circular e restos dunha fábrica de salgadura do século II d. C, entre outras edificacións anexas atopadas na escavación arqueolóxica realizada na rúa Montero Ríos (lugar da Pescadoira) para a urbanización do lugar. Ademais, o Concello de Bueu acondicionará un local de propiedade municipal.

Máis de 80.000 euros no Massó

 A Xunta completa a musealización da historia da pesca en Bueu con este proxecto que se suma aos traballos que vén realizando no Museo Massó para o acondicionamento das cubertas, carpintería e fachada por máis de 80.000 euros. Son uns traballos claves que que tamén farán posible ampliar o espazo de exposición permanente no Museo que se adicaría a Urbano Lugrís.

 Como expresou o conselleiro, con ambas actuacións, a Xunta blinda a oferta museística da localidade e facilita un percorrido cronolóxico pola historia da vila. Neste sentido, empezarase pola nova Sala de Interpretación do Bueu Romano, continuarase polo Museo Massó no que se pode coñecer a historia da industria conserveira da zona, rematando a visita no Estaleiro de Purro, peza clave do patrimonio marítimo representativa das carpinterías da ribeira, para coñecer a construción das embarcacións tradicionais.

 Con estas accións, a Xunta continúa garantindo a difusión do patrimonio cultural galego e unha oferta museística completa e de calidade que se rixe coa nova Lei de Museos, xa en vigor que está a permitir coordinar e xestionar de xeito integrado a política neste eido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario