23 de ago. de 2021

OIA

Os Socialistas de Oia solicitaron un pleno extraordinario 

Celebrarase o vindeiro xoves día 26 de agosto, ás 8:00 da mañá.

Na sesión tratarase "sobre a caótica situación sanitaria no municipio" 


Membros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia

Infogauda / Oia

 O vindeiro xoves día 26 de agosto ás 8:00h da mañá a Casa do Concello de Oia acollerá un pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de cara a tratar "a caótica situación sanitaria que se está a vivir dende fai tempo no municipio." 

 Gerardo Rodríguez Refojos, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE referiu que "o Centro de Saúde de Oia, atende a una poboación menor de 15 anos de 341 rapaces e rapazas que non teñen servizo de pediatría, e con unha poboación maior de 50  anos de 1.495 persoas que non teñen médico a maioría dos días. Cando hai sorte, no Centro de Saúde atópase un só médico para atender os dous cupos, habendo días nos que no Centro de Saúde conta coa presenza de ningún médico, xerando atraso na atención necesaria para os pacientes, xerando nestes crispación, molestias e nalgúns casos incluso medo. 

 Nesta situación os aplausos que se daban as 20:00, convertéronse en reproches; de aplausos a insultos, de heroes a viláns. 

 O deterioro innegábel da xestión sanitaria en Galiza é un problema que hai que abordar dende a eficacia e sobre todo dende a responsabilidade, a nosa poboación cun marcado carácter rural, perde de forma galopante calidade asistencial."  

 Deste xeito trataranse na Orde do Día, os seguintes puntos: 

1. Actuacións levadas a cabo por parte da alcaldesa para solucionar o problema sanitario. 

2. Posta en marcha de medidas adecuadas para frear o desprestixio palpábel da relación médico-paciente acrecentado nestes últimos meses. 

3. Garantía de consulta clínica presencial antes das 48 horas tras a demanda dos cidadáns. 

4. O pronunciamento do pleno en favor dunha sanidade pública e de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario