23 de ago. de 2021

DEPORTES

O ciclismo volverá rodar no Rosal na 29ª edición do Trofeo Pista de As Faias  

A proba acollerá a máis dun centenar de deportistas de categorías inferiores o vindeiro sábado 28 de agosto 

O Concello agradece ao Club Ciclista O Rosal “o seu gran traballo polo deporte e a educación en valores” 


A alcaldesa e o concelleiro de Deportes, con directivos do Club Ciclista O Rosal, na presentación da XXIX edición do Trofeo Pistas de As Faias

Foto: C.O. R.

Infogauda / Deportes

 As bicicletas volverán rodar no Rosal na 29ª edición do Trofeo Pista de As Faias, que se levará a cabo o vindeiro sábado 28 de agosto en Tabagón. Máis dun centenar de deportistas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, e cadetes, competirán nunha proba federada de “relevancia no Circuíto Galego”, afirma o director deportivo do Club Ciclista O Rosal, Alberto Rodríguez.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández, quere dar “os parabéns” ao Club polo seu “gran traballo polo deporte e a educación en valores”. “Levan moitos anos sendo uns dos principais promotores do deporte no Rosal, inculcando a nenas e a nenos o valor do esforzo, da paixón, da superación… E formando grandes profesionais do ciclismo como Serafín Martínez ou Gustavo Otero”, destaca a rexedora.  

 “O confinamento visualizou o importante que é a actividade física para saúde, e a oportunidade deportiva que dá o Club á veciñanza é unha sorte”, afirmou o concelleiro de Deportes, Germán Fernández. O director deportivo coincide co edil, e engade ademais que durante este ano teñen o dobre de ciclistas no equipo que antes da irrupción da COVID. “Unha moi boa noticia”, conclúe. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario