13 de ago. de 2021

O ROSAL

O Concello renova o saneamento da rúa Costa do Paleón, en Pías  

As obras substituíron unha instalación que era das máis vellas do Rosal e tamén se  acondicionará a vía con asfalto  


Obras na rúa Costa do Paleón, en Pías
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal acaba de renovar o saneamento da rúa Costa do Paleón, en Pías. A instalación existente era das primeiras do municipio e, segundo explica o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández Rodríguez, estaba “moi deteriorada”. “Era de cemento e tiña varias filtracións que provocaban a aparición de baches na vía”, situación que facía a intervención “moi necesaria”, explica. Ademais, o sistema non estaba conectado directamente á rede de saneamento que vai ata A Guarda e requería un bombeo extra para ser transportada ata a EDAR. Coa nova instalación subsanouse este problema facendo un enlace directo que “reduce o custo enerxético para O Rosal”.  

 Na intervención o Concello renovou a instalación por tuberías de PVC, e conectou todas as vivendas novas á rede. Tamén se acondicionou a vía cunha capa de asfalto provisional que será reforzada nun mes cunha nova intervención que dará por finalizadas as obras. O concelleiro explica que a mellora do sistema de saneamento da rúa de Paleón está dentro do plan da administración local para “renovar e mellorar as partes máis antigas da rede de saneamento do Rosal”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario