INAUGURACIÓN DAS OBRAS DO PROXECTO DE RECONFIGURACIÓN E RECUPERACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO "MÁIS GOIÁN"
· Terá lugar este venres, 13 de agosto de 2021, ás 21.00 horas na Praza de Goián
Infogauda / Goián
Na noitiña deste venres día 13 de agosto, terá lugar en Goián o acto de inauguración das obras de reconfiguración e recuperación do espazo público, encadradas dentro do ambicioso proxecto de reforma integral "MÁIS GOIÁN", realizado co apoio financieiro de distintas administracións; entre elas, a Deputación de Pontevedra, o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible, etc.
En varias fases sucesivas (nas que se investiron preto de 2 millóns de euros), as obras comezaron no ano 2017, realizándose intervencións de acondicionamento nas inmediacións da Praza Pintor Antonio Fernández, na Avenida Ordoñez e nos terreos adxacentes á Escola de Música; acondicionamento da Alameda de Goián e creación na súa contorna dunha área deportiva composta por un parque de patinaxe e unha pista polideportiva, varios aparcadoiros municipais dotados de case 300 prazas de estacionamento, etc.
O acto inaugural, que terá lugar este venres, 13 de agosto de 2021, ás 21.00 horas na Praza de Goián, contará coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos e Cooperación e concelleiro Uxío Benítez; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e outros representantes municipais e doutras administracións.
Aproveitarase a ocasión para inaugurar tamén unha estatua do pintor Antonio Fernández Gómez, realizada polo recoñecido escultor goianés Magín X. Picallo Durán, e que será instalada na mesma praza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario