13 de ago. de 2021

DEPORTES

O Mecalia Atlético Guardés lanza a súa campaña de abonados: ‘O  noso  Inferno  é o  noso  ceo’  

Os carnés poderán empezar a tramitarse a partir do próximo luns 16 de agosto.


Siareiros do Inferno
Foto: B.AG.


Infogauda / A Guarda

 Todo o mundo que estivese nun partido na  Sangriña antes da pandemia sábeo: o Mecalia Atlético Guardés xoga con oito cando o seu feudo está a pleno rendemento. E ás portas desta ilusionante tempada, da man co esperanzador momento social tras un ano e medio de pandemia, o club  miñoto lanza a súa campaña de abonados cun obxectivo principal: que o reformado pavillón guardés volva ser o de sempre. Que o Inferno volva arder.  

 Por iso, o lema da campaña alude á importancia capital que ten para a entidade, os seus equipos, as súas xogadoras e os seus técnicos a presenza da afección na Sangriña. ‘O  noso  Inferno  é o  noso  ceo’ trata de resumir ese sentimento en forma de contradición. Porque cando saltan á pista de o  Inferno, as xogadoras do Guardés están no ceo. 

 O club lanzou un vídeo promocional que incide nesa idea. Conta coa participación de Marisol  Carratú,  Patricia Lima e Lorena Pérez, ademais da colaboración do resto do persoal.  O club dispuxo un abanico de prezos que oscila entre os 75 euros no formato xeral e os 40 que pagarán os sub-13. Polo medio, existirá un carné sénior -para maiores de 65 anos- a 65 euros e outro  sub-20 a 50 euros. Ademais, os menores de 7 anos non pagan. Estes abonos permitirán aos socios asistir aos 13 partidos de Liga na  Sangriña. Os encontros da competición continental e os da Copa da Raíña contémplanse aparte.   

 Outra particularidade importante para esta tempada é que o abono é persoal e intransferible. Para acceder ao recinto, cada socio debe acompañar o DNI ao seu carné. Esta medida é aplicable a todas as categorías excepto á de empresa, que si permite os intercambios. Ten un prezo de 100 euros.  

 Os carnés poderán empezar a tramitarse a partir do próximo luns 16 de agosto. Haberá dúas formas de facelo. A primeira, presencial na  Sangriña. De luns a venres e en horario vespertino (de 16:30 a 20:30 horas). A segunda, telemática, enviando un correo electrónico á dirección coordinador@balonmanatleticoguardes.com. Nel débese achegar nome completo, data de nacemento, dirección postal e electrónica, número de teléfono, número de abonado -ou indicar que se trata dunha nova alta se é o caso-, ademais dunha foto do DNI por ambas as caras. Na resposta indicaranse os pasos para seguir para pagar o abono mediante unha transferencia.   

 A entidade espera que as ganas de balonmán e, sobre todo, de volver á vida anterior á pandemia, xeren unha boa resposta nun pobo que sempre estivo co seu equipo. Todo para que as chamas do  Inferno volvan arder para levar ao ceo ás xogadoras do  Mecalia Atlético Guardés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario