Mecalia volve ser o patrocinador principal do Atlético Guardés
· A empresa de José Manuel Silva, ex presidente e actual xerente do club, será de novo o primeiro patrocinador tras un ano en segundo plano
· O club recupera a nomenclatura Mecalia Atlético Guardés
· Eutimio tamén continuará apoiando á entidade
Infogauda / A Guarda
Tras un ano de pausa, regresa o Mecalia Atlético Guardés. A industria guardesa convértese de novo no patrocinador principal do club, o que implica un cambio na súa denominación -en realidade un retorno á anterior-. A empresa que preside José Manuel Silva Vicente, ex presidente e actual xerente da entidade deportiva, cohabitará en harmonía co resto de patrocinadores. De feito, o seu logo continuará na parte traseira da camiseta e non na frontal.
Deste xeito, o Atlético Guardés recupera o nome que lle acompañou na etapa máis gloriosa da súa historia. Desde o seu ascenso, en 2012, Mecalia estivo presente nas diferentes clasificacións para competicións europeas, así como no título de Liga do curso 2016/17, o fito máis importante nos 54 anos de vida da entidade. O ano pasado, a empresa miñota deixou de ser o patrocinador principal pero seguiu apoiando activamente ao club, igual que o fixo en División de Honra Prata, desde 2009, cando José Manuel Silva desembarcou na institución.
Ademais de Mecalia, o Atlético Guardés terá a honra e a sorte de seguir contando co apoio de varios dos seus patrocinadores habituais. Un deles é Eutimio. A entidade deportiva miñota e a firma electrónica renovaron a súa relación e o club continuará gozando do soporte e o empuxe da empresa guardesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario