28 de ago. de 2021

BURGUEIRA (OIA)

Abel Diego Acevedo, o “avó de Oia”, cumpriu 100 anos  

Abel e Lupe, 72 anos de feliz matrimonio  

 

Guadalupe Giráldez González e Abel Diego Acevedo, recibiron a visita e os parebéns de Cristina Correa Pombal e de  Carmen María Estévez Adrover, alcaldesa e tenente de alcalde, respectivamente, do Concello de Oia

Foto: C.O.

Infogauda / Burgueira (Oia)

 O home de maior idade de Oia, Abel Diego Acevedo, cumpre hoxe 100 anos. Nado en Acevedo (Loureza), este veciño de Burgueira chegou ao seu centenario con moita ilusión e ganas de celebralo xunto aos seus seres queridos.   

 A alcaldesa, Cristina Correa Pombal, e máis a tenente de alcalde, Carmen María Estévez Adrover, visitaron na tarde de onte ao “avó de Oia” para felicitalo polo seu aniversario e facerlle entrega dunha torta. Neste día tan especial, as representantes do Concello transmitíronlle o agarimo e bos desexos de toda a veciñanza.   

 Abel explicoulles ás representantes municipais que chega aos cen anos despois de toda unha vida de traballos. Labores en barcos na Pasaxe, na telleira, elaboración de palleiros e arado de fincas foron algunhas das súas moitas ocupacións. Como anécdota, lembra con nostalxia que foi o primeiro da zona en ter un tractor con arado, e que a novidade foi tal que a xente pronto deixou de empregar as vacas para arar porque preferían chamalo a el.  

 Ao longo dos 100 anos da vida de Abel moito teñen cambiado as cousas e sobre isto tamén falou coas representantes municipais. Concretamente, explicoulles que cando se puido permitir comprar unha bicicleta e por fin a mercou, como aínda non había estrada a Burgueira tivo que deixala “aparcada” na casa dun familiar en Loureza. “Tardaron 7 anos en facer a estrada, porque a fixeron a pico e pa. Non como agora que meten pas (mecánicas) e as fan moi rápido”, lembra. 

 Agora, despois dunha vida de traballo, esforzo e sacrificio (lembra que comezou a traballar moi novo porque na súa casa eran 11 irmáns), o que máis lle gusta é aproveitar os días de bo tempo, aínda que con moderación: “Gústame estar ao sol e, se me quenta moito, vou para a sombra”, afirma con humor.  

 En canto á súa vida persoal, leva 72 anos casado con Guadalupe Giráldez González, a quen coñeceu de mozos nunha festa. Agora, ambos forman o matrimonio de maior duración do municipio. Ademais de gozar da vida xunto coa súa muller, Abel conta co agarimo dos seus 2 fillos, 5 netos e 3 bisnetos.  

 Con tantas vivencias acumuladas neste século de vida, non é de estrañar que Abel diga que “o que o ten andado, non o ten que andar”. Cos 100 anos recén cumpridos, Abel desfrutará dunha celebración moi especial que lle ten preparada a súa familia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario