31 de ago. de 2021

A GUARDA

A práctica totalidade do persoal da empresa IKF das Cachadas, secunda o primeiro día de folga contra a dobre escala salarial 

· Os traballadores/as rexeitan tamén a liberalización horaria que pretende impoñer a compañía 


Grupo de operarios da fábrica das Cachadas, reunidos diante da fábrica na mañá de hoxe
Fotos: CIG

Infogauda / A Guarda

 A práctica totalidade do cadro de persoal de Imerys Kiln Furniture España, S. A. (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais refractarios con factoría nas Cachadas (A Guarda), secundou hoxe a primeira xornada de folga "para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar, a liberalización dos horarios, a  maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións que pretende impor a compañía".  

 O novo calendario de paros, que se desenvolverá - como adiantou no día de onte este xornal dixital transfronteirizo - "todos os martes, mércores e xoves até o vindeiro 30 de setembro (a excepción do xoves 23, que é festivo local), chega despois da folga que tivo lugar entre o 14 e o 30 de xullo, e que foi suspendida ao iniciarse o período vacacional. Neste tempo a dirección non mudou a súa postura, polo que os traballadores/as apostaron por retomar as medidas de presión". 




 Nas máis de dúas semanas que o persoal estivo de folga "o seguimento foi total, provocando un  achegamento por parte da empresa, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas  sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do  traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais. 

 Agora os paros tiveron un seguimento practicamente total, xa que unicamente entrou a traballar un  empregado dos 70 que integran o departamento de produción. En consecuencia, a compañía manobrou para intentar minimizar o impacto da folga, establecendo servizos mínimos non co obxectivo de realizar labores de mantemento senón para poñer en marcha o forno coa finalidade de comezar a traballar de  inmediato no caso de que o paro sexa desconvocado. Diante disto, a representación do cadro de persoal  procedeu a impugnar os servizos mínimos". 

 Ao mesmo tempo, dende a CIG-Construción indican que "o AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solucións de conflictos de traballo) está tratando de forzar unha mediación  para intentar poñer fin ao conflito laboral, ao tempo que lle reclaman á Administración que teña en conta que a dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar no tempo e a liberalización horaria que quere impoñer atentan contra a lei de igualdade e contra o dereito de conciliación da vida familiar e  laboral". 

Diferenzas salariais de até 5.200 euros ao ano 

 Desde a CIG-Construción lembran "que, por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas  que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus  compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5.200 euros menos ao ano. Unha dobre  escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis. 

 Xunto a isto, IKF quere que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa  obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría na  liberalización dos horarios a dispor da empresa. Ademais, quere introducir cambios no goce das  vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa".

Ningún comentario:

Publicar un comentario