S.O.S. Glaucium flavum
O Concello de A Guarda debería protexer os poucos exemplares que a día de hoxe existen
Infogauda / A Guarda
Coñecida como mapoula mariña - entre outras denominacións -, cuxo nome científico é Glaucium flavum - que traducido do latín ao galego vén sendo glaucio amarelo -, ainda subsisten - a día de hoxe, martes 24 de agosto de 2021 - no termo municipal de A Guarda, algúns exemplares desta planta - verdadeiras alfaias botánicas -, da familia Papaveraceae.
De non procurar conservar os contados exemplares que ainda hoxe puidemos observar, probablemente algunha administración debería responder públicamente pola presunta inepcia dalgúns políticos con responsabilidades de goberno. E non é unha cuestión de tipo persoal, porque iso é algo que non ten relevancia cando se trata do desempeño de responsabilidades de goberno debidamente retribuidas con cárregpo ao erario público. Trátase de ter un respecto ao medio ambiente natural. De atender as suxerencias de entidades que teñen demostrado ao longo da súa existencia un rigoroso proceder no que respecta a conservación, estudo, divulgación, protección,..., de moitos valores naturais e patrimoniais. E a flora tamén forma parte do patrimonio natural de A Guarda.
Por iso, nesta ocasión, desde Infogauda entendemos que sería unha inxustificable perda de tempo deixar nas dependencias municipais un aviso para o concelleiro correspondente. Xa o fixemos en ocacións precedentes - mesmo de xeito persoal - sen obter resposta algunha. Non, nesta ocasión, entendemos que debemos proceder do xeito que o estamos facendo. Lanzando un S.O.S. para ver se así a "alguén" se lle ocorre indicarlle ao operario que está traballando na zoa de Solanas, que hai un lugar moi concreto, onde debería deixar que a mapoula mariña continúe seu desenvolvemento normal, deixando tranquilos os poucos exemplares que ainda hoxe existen logo dunha "desaparición" temporal a partires do verán de 2019, cando dous operarios contratados temporalmente polo Concello de A Guarda, realizaron o traballo de desbroce das marxes da senda litoral, no tramo ao cal nos referimos, e levaron por diante os contados exemplares de Glaucium flavum. E non foi, dito sexa en honor á verdade, responsabilidade deles. A responsabilidade é de quen desde un cárrego político non sabe ou non quer, supervisar in situ os traballos e dar ás oportunas instruccións previas para evitar feitos consumados.
Dito queda. Imos cruzar os dedos a ver se esta mensaxe chega a tempo para que súas señorías procedan dando as instruccións correspondentes que fagan posible a supervivencia da mapoula mariña.

Ningún comentario:
Publicar un comentario