A Deputación de Pontevedra colabora con APAMP na posta en marcha do Centro de Atención á Infancia e Respiro Familiar
· Cun apoio económico de 15.000 euros este programa da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral beneficia a máis de 35 familias afectadas de Vigo e a súa comarca
Infogauda / Vigo
O deputado Carlos Font e a deputada de Cohesión Social, Olga García visitaron en Navia a sede de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral) coa que a institución provincial está a colaborar cunha achega de 15.000 € para o desenvolvemento do Centro de Recursos de Atención á Infancia, ás Familias e Respiro Familiar. A través desta iniciativa estanse a beneficiar de xeito directo e indirecto máis de 35 familias de Vigo e da súa área metropolitana que teñen fillas ou fillos que padecen esta enfermidade.
Con este programa APAMP intervén no desenvolvemento global das nenas e nenos con alteracións motoras a través dun modelo de atención integral que se apoia nas contornas naturais onde se desenvolven: escola, familia e comunidade. Así, a través do Centro de Recursos de Atención á Infancia, ás Familias e Respiro Familiar analízanse as necesidades evolutivas individuais de cada nena/o da man de profesionais da educación (escolas infantís, CEIP e IES), da sanidade e do ámbito social, ademais da familia e empregando, en todo o momento, o xogo como fío condutor e elemento esencial da intervención.
A través do centro préstase neste 2021 atención especializada a 35 nenas/os con idades comprendidas entre os cero e os 16 anos con trastornos neurolóxicos que veñen derivados de centros educativos, sanitarios e sociais. Tamén a 35 familias que reciben atención e información personalizada sobre accesibilidade e adaptacións funcionais, así como orientación e formación. Ademais, as familias contan co servizo de respiro familiar, apoio a domicilio, axudas técnicas para unha maior autonomía, campamentos nos períodos de vacacións, acompañamento ou apoio terapéutico, entre outros servizos. O obxectivo principal da colaboración entre a Deputación e APAMP é acadar a plena inclusión das persoas, educar en valores e concienciar e sensibilizar sobre a diversidade. Todo elo situando nun lugar privilexiado ás familias, coas que se traballa nun clima de cooperación e confianza mutua para empoderalas, situalas como axentes activos no proceso de desenvolvemento das súas fillas/os e mellorar, así, a súa calidade de vida.
APAMP ten como misión contribuír ao desenvolvemento do proxecto de vida das persoas con parálise cerebral ou afín, prestando os apoios necesarios e facilitando oportunidades para que poidan tomar as súas propias decisións e participar activamente na sociedade. A Asociación fundouse en 1977 e seis anos despois, en 1983, foi declarada Entidade de Utilidade Pública polo Consello de Ministros. En marzo de 2016 recibiu o galardón de Vigueses Distinguidos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario