5 de xul. de 2021

VIGO

Culminado o proceso electoral que finalizou o 6 de xuño 

TOMA DE POSESIÓN DA XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA 

· O acto estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña,  e contou coa participación de Jesús Aguilar, presidente do Consello Xeral  de Colexios Oficiais de Farmacéuticos 

· Asistiron autoridades e representantes de institucións do ámbito sanitario 


Xunta de Goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra
Fotos: C.FF. PO.

Infogauda / Vigo


 O día 2 de xullo celebrouse na sede de Vigo do  Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra o acto de toma de posesión dos novos  membros da súa Xunta de Goberno tras a celebración dun proceso electoral no  que resultou elixida a candidatura encabezada pola ata ese momento presidenta  en funcións, Alba Soutelo, que foi reelixida para representar outros catro anos aos  farmacéuticos de Pontevedra. 


O conselleiro de Sanidade - 1º pola esq. - acompañado polo presidente e o vicepresidente  do Consello Xeral de Farmacéuticos e a presidenta do Colexio de Farmacéuticos  de Pontevedra

 O acto estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, e contou  coa participación do presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos,  Jesús Aguilar Santamaría, e coa presenza de autoridades e  representantes de institucións do ámbito sanitario. 

 Na súa intervención Alba Soutelo, presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra desde o ano 2009, agradeceu aos asistentes o seu apoio e a lealdade do  seu equipo.  

 Destacou o camiño percorrido estes últimos anos e a evolución dunha Administración  que non valoraba á farmacia máis aló de ser un punto de dispensación de medicamentos  e que agora conta con ela para prestar servizos asistenciais aos  cidadáns.

 Fixo fincapé a presidenta en que a pandemia puxo de manifesto non só a  importancia de que o farmacéutico puidese desprazarse ao domicilio dos pacientes  vulnerables e illados, algo que segue facendo, senón tamén que a farmacia é  fundamental na atención primaria. 

 Así mesmo, destacou o compromiso coa saúde  demostrado polos farmacéuticos de todos os ámbitos de exercicio profesional. Apelou directamente ao conselleiro de Sanidade para que acelerase a concertación do  primeiro servizo profesional farmacéutico remunerado e promovese unha farmacia  asistencial integrada na atención primaria que permita aos farmacéuticos  comunitarios acceder á historia clínica coa autorización do paciente.  

 Lembrou tamén a reivindicación que leva facendo desde o ano 2014 de que se permita  aos farmacéuticos dispensar anticipadamente os medicamentos de forma  transparente nas farmacias, rexistrándoos no sistema de receita electrónica, para  evitar romper a adherencia do paciente cando no centro de saúde non poden  darlle cita co médico para renovar as receitas.  

 Pola súa banda, o presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos,  Jesús Aguilar Santamaría, destacou na súa intervención o avance da  profesión farmacéutica con vocación de servizo e a dedicación demostrada durante  a pandemia, que converten a farmacia nun piar básico do Sistema Nacional de Saúde.   


O conselleiro de Sanidade, Julio  García  Comesaña e Alba Soutelo, que foi reelixida para representar outros catro anos aos farmacéuticos de Pontevedra 

 O acto institucional concluíu coa intervención do conselleiro de Sanidade, Julio  García  Comesaña.  

 Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor a oportunidade de traballo en equipo  que supuxo a pandemia e o compromiso de todos os profesionais  farmacéuticos, destacando a función social da farmacia.

 García  Comesaña fixo  fincapé en que a  farmacia é fundamental  para a administración  sanitaria, e subliñou a  importancia do apoio que  as farmacias de Galicia  están a dar na  detección precoz de novos  casos de infección  por coronavirus, iniciativa  que non fose  posible sen a distribución farmacéutica.   

 No Programa de detección de COVID19 en persoas  asintomáticas que se está  realizando nas farmacias de Galicia, participaron ata o momento nas  farmacias de Pontevedra máis de 75.000 persoas  asintomáticas, detectándose 258 positivos. 

 Avogou, ademais, o conselleiro por explorar novas vías para abordar a cronicidade contando cos profesionais farmacéuticos, e comprometeuse a continuar  avanzando nesa liña

Ningún comentario:

Publicar un comentario