OS POPULARES DA GUARDA LAMENTAN A ADXUDICACIÓN DO CONTRATO DO CAMPAMENTO DO CONCELLO DA GUARDA A UNHA EMPRESA FORÁNEA
Infogauda / A Guarda
Por resolución da Alcaldía (Expediente nº 1432/2021), o equipo de goberno do Concello de A Guarda, presidido polo alcalde Antonio Lomba Baz, vén de adxudicar o contrato de “SERVIZO DE CAMPAMENTO URBÁN DO CONCELLO DA GUARDA” de acordo co estipulado nos pregos de prescricións, nas seguintes condicións reflexadas na súa oferta a EULEN, S.A.
PREZO:
Importe base: 34.183,43 euros
IVE: 3.418,35 euros
Importe total: 37.601,83 euros
Duración: 2 anos
De acordo co prego de condicións técnicas que rexerán a adxudicación do contrato administrativo do servizo de campamento urbano do Concello de A Guarda o devandito campamento vai dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 12 anos.
O obxectivo xeral do devandito campamento pretende ser:
· Un recurso social no que se leven a cabo actividades lúdicas, recreativas, educativas e culturais a través dun Proxecto Lúdico Socio Educativo, para favorecer o desenvolvemento integral dos/as nenos/as a través do xogo, favorecendo o seu desenvolvemento persoal e a adquisición de hábitos de vida saudables.
· Un lugar de encontro e convivencia, onde as diferenzas poidan ser unha característica integradora social e cultural e de interese para o compañeiro/a.
· Fomentar a participación dos/as nenos/as na mellora das condicións de vida facéndoos protagonistas e responsables do desenvolvemento das mesmas.
· Un recurso que axude a conciliar a vida familiar e laboral.
Asemade, no devandito documento - prego de condicións - indícase os destinatarios e datas de realizacións do campamento, do seguinte xeito:
"A actividade terá lugar durante os meses de xullo e agosto, correspondentes aos anos 2021 e 2022.
O horario da actividade será de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres agás festivos.
As persoas destinatarias serán rapaces e rapazas de 4 a 12 anos de idade. O número de participantes será como máximo de 60 nenos e nenas (...)".
Ademais existe un prego de cláusulas administrativas particulares que rexerán a adxudicación do contrato administrativo do servizo de campamento urbano do Concello de A Guarda. Nada novo, e decir que non sexa habitual, neste tipo de procedementos.
En calquer caso, Roberto José Álvarez Carrero, portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular da Guarda, criticou a adxudicación do Contrato do Campamento Urbano do Concello guardés a unha empresa foránea: “O Sr. Antonio Lomba, Montse Magallanes e o Grupo Municipal Socialista mostran de novo a súa pouca sensibilidade cara ás empresas da localidade, os nosos autónomos e tecido industrial e adxudican de novo un contrato de servizos a unha empresa foránea por importe de 37.601,83”.
O presidente dos populares segue manifestando: “Se anos atrás realizábase a contratación deste servizo mediante un contrato menor de adxudicación directa, ou nun procedemento negociado, recaendo en autónomos e persoas da Guarda coa repercusión económica que iso supón para o noso pobo, este ano o grupo de goberno, segundo infórmannos as persoas da vila que viñan desenvolvendo o servizo, despois de manter con elas reunión e solicitarlles orzamento para o servizo anual do campamento, deciden prescindir dos seus servizos, aproveitan o orzamento entregado, multiplícano por dous e, así, encaixan e sacan un contrato negociado aberto de dous anos de duración ao que non poden aspirar as persoas da Guarda que viñan desenvolvendo o servizo”.
Os populares lamentan esta formulación que, aínda que legal, expón a falta de ética e sensibilidade do grupo de goberno da Guarda cara aos seus veciños e empresas ao preferir adxudicar contratos a empresas e autónomos foráneos que aos propios. Álvarez Carrero sinala: “Cáeme a cara de vergoña lembrar como algúns grupos políticos guardeses presumiron de conceder axudas por perdas de covid a hostalería, empresas e autónomos, que en definitiva supoñen escasos euros no mellor dos casos e que, ademais, e aínda encima, conlevan un desembolso económico de tramitación en xestoría. E agora, cando o Sr. Lomba, Montse Magallanes e compañía teñen a oportunidade de dar impulso económico e traballo aos nosos, prefiren adxudicar a empresas que non desenvolven a súa actividade na Guarda e que tampouco son traballadores da Guarda ou a súa zona de influencia”.
A maiores os populares expoñen, tal e como indica Roberto José Álvarez Carrero, “outra mostra da falta de previsión, improvisación e nefasta xestión do goberno que é apoiada polo BNG da Guarda ao non posibilitar un cambio de goberno”. Así, segundo apunta Roberto José Álvarez Carrero: “o contrato de marras sácase a licitación o 21 de maio de 2021 coa obrigación de inicio en xullo de 2021. O día 29 de xuño o Concello remite un comunicado aos pais e nais dos menores informando como o campamento non comezará o día 1 de xullo e serán avisados canto antes sobre o día concreto de comezo para, de súpeto,… sorpresa: adxudícase o contrato á empresa o 30 de xuño pero, no canto de comezar ao día seguinte -1 de xullo- , como é preceptivo segundo o clausulado do contrato, aínda debemos esperar segundo parece ao día 6 de xullo. Como vemos: un exemplo de dilixencia e boa xestión”.
O Partido Ppular da Guarda urxe aos concelleiros da Guarda a unha seria reflexión sobre o seu apoio, xa sexa por acción ou omisión, e con independencia da cor e partido político, ao desgoberno do Grupo Socialista da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario