13 de xul. de 2021

VIGO

O Consello de Contas non desbota que existan irregularidades no uso de fondos públicos por parte do Concello de Vigo 

· Arquivou dúas denuncias dos bombeiros da CIG pero considera  necesario abrir unha investigación 

Infogauda / Vigo

 A sección sindical da CIG nos bombeiros de Vigo lémbralle ao alcalde que o Consello de Contas  arquivou dúas denuncias da central por supostas irregularidades no uso de fondos públicos por parte do Concello non porque non existan irregularidades, senón porque non se acreditan suficientemente. De feito, no propio informe xurídico do organismo autonómico alúdese á necesidade de abrir unha  investigación.  

 Dende a CIG saen ao paso deste xeito das declaracións feitas o pasado venres polo rexedor vigués  tras coñecerse o arquivo das denuncias nas que reclamaba a dimisión dos delegados sindicais. “É  algo inaudito, tendo en conta que unha das funcións dos representantes sindicais é precisamente  denunciar as irregularidades, neste caso contables, no manexo dos cartos públicos”. 

 Por iso consideran inadmisible que se reclame a dimisión dos delegados “por facer o seu traballo”  mentres se mantén no posto a concelleiros “que levan anos desmantelando os servizos públicos”.  Neste senso, botan man da ironía para sinalar que o alcalde solicitou a dimisión dos delegados  sindicais “porque atreveu a pedir a disolución ou prohibición dos sindicatos”. 

Seguirán coas denuncias 

 En canto ao fondo do asunto, explicaron que a CIG presentou dúas denuncias ante o Consello de  Contas, órgano dependente da Xunta que se encarga de fiscalizar as contas dos Concellos, unha  polo destino dos fondos de UNESPA -imposto finalista que ten que ser investido no servizo de  bombeiros- e outra polas posibles irregularidades no pago das horas extras. 

 “Pois ben, o Consello decide arquivar os casos, pero non porque non existan irregularidades, senón  porque entende que non se acreditan suficientemente”. De feito, segundo salientan, o propio  informe xurídico do organismo autonómico, considera necesario abrir unha investigación. 

 Finalmente, dende a central sindical anuncian que seguirán a denunciar estas presuntas  irregularidades no uso dos fondos públicos, para o que están a compilar datos co obxectivo de  demostrar a súa veracidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario