A Explanada do Horizonte xa desfruta do seu quiosco permanente
· Este módulo permite dotar de novos servizos á contorna para desfrute da veciñanza da contorna, das persoas que realicen este tramo do Camiño de Santiago ou para quen se achegue a este espazo
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A Explanada do Horizonte xa desfruta do seu quiosco permanente, que vén de abrir as portas ao público neste tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Portecelo co obxectivo de ofrecer novos servizos á veciñanza da contorna, ás persoas que peregrinan por este tramo ou para as e os excursionistas que se acheguen ata este espazo.
Este quiosco-bar está integrado no proxecto de reforma e mellora paisaxística da propia Explanada do Horizonte, redactado pola arquitecta María Fandiño, que permitiu dotar a Portecelo dunha nova área de esparexemento. “O obxectivo é tratar de rachar coa estacionalidade, convertendo este espazo en punto de lecer e encontro durante todo o ano”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A cafetería é o único punto de venda de bebidas ou comidas no tramo do Camiño de Santiago pola Costa ao longo do municipio do Rosal, xa que os puntos máis próximos atópanse a 3,6 e 6,1 quilómetros, nos concellos da Guarda e Oia, respectivamente.
O módulo, de 45 metros cadrados, conta cunha zona de aseos e dúas pérgolas, unha delas con terraza. A concesión do quiosco é por catro anos prorrogables outros catro máis.
VISITA A EXPLANADA DO HORZONTE
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, visitará este martes 13 de xullo xunto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o módulo fixo de servizos da Explanada do Horizonte, situado en zona de servidume de protección de dominio público marítimo-terrestre.
Na visita estarán acompañadas pola Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Mª Encarnación Rivas; polo Xefe Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel González; e pola responsable adxudicataria do módulo, Mª Jesús Giráldez.


Ningún comentario:
Publicar un comentario