17 de xul. de 2021

TUI

O BNG DE TUI DENUNCIA DEFICIENCIAS NO ACCESO AO POLÍGONO INDUSTRIAL DE AREAS


BNG / Tui

 A Asemblea Local do BNG de Tui denuncia a falta de planificación e organización, por parte das administracións, nunha gran inversión como é a construción da nova saída da autoestrada ao Polígono Industrial de Areas. 

 Tras facer unha análise dos planos e do terreo, vemos que a saída finaliza nunha rotonda, que precede a un túnel, para poder acceder ao polígono. Este túnel, terá sete metros de ancho por cinco de alto (menos ancho que o do acceso a Anta (oito metros). Unhas medidas, ao noso ver, insuficientes para un novo acceso a un polígono industrial. Así, por exemplo, os camións deberán entrar de un en un. Estas cativas dimensións supoñen un atranco ao avance do polígono e a implantación de novas empresas, xa que sempre van quedar supeditadas as medidas impostas polo mesmo. 

 A maiores, fai falla construír beirarrúas, xa que hai que dar acceso peonil aos campos e fincas, o que fai aínda mais insuficientes os sete metros de ancho do túnel.  

 Por todo o exposto, solicitaremos ao goberno municipal que revise e estude as diferentes posibilidades e traslade á Xunta de Galiza, responsábel do proxecto, as necesidades reais do polígono e da viciñanza, coa máxima celeridade, xa que do contrario, teremos un problema de difícil e custosa resolución.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario