300 PERSOAS DE 25 ASOCIACIÓNS PARTICIPARÁN NA HOMENAXE NACIONAL ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO ORGANIZADA POLA IGM
O DOMINGO 18 DE XULLO NA ILLA DE SAN SIMÓN
· O obxectivo central da conmemoración é demandar a declaración de San Simón como Illa da Memoria e a organización dun programa público de actividades centradas na memoria histórica
· Nesta edición o contido do acto xirará arredor da solidariedade protagonizada polas mulleres e sobre a loita pola recueración do Pazo de Meirás
IGM / Redondela
A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) organiza un ano máis a Homenaxe Nacional ás vítimas do franquismo en San Simón, un acto no que particiarán arredor de 300 persoas chegadas desde todos os puntos da xeografía galega. A organización coidará estritamente o cumprimento de todos os protocolos sanitarios, tanto nas viaxes en barco como nas actividades que se desenvolverán na illa.
A homenaxe ten un claro contido reivindicativo, para denunciar que este é o único acto que se celebra anualmente en San Simón en relación coa memoria histórica. Desde a IGM reclamamos a recuperación do proxecto da Illa da Memoria e a aprobación dun Plan de usos que garanta o desenvolvemento dun programa de actividades público, continuado no tempo, que teña como eixo central (mais non exclusivo) a memoria histórica, e que sexa respectuoso coas vítimas e coas súas familias.
Na realidade, a Xunta converteu a Illa nun parque de atraccións, no que se desenvolven sobre todo actividades lúdicas e recreativas, organizadas por empresas privadas, de carácter lucrativo, e que en moitos casos poden resultar pouco respectuosas coa dignidade das persoas que sufriron unha violencia extrema en San Simón nos 7 anos nos que foi un duro campo de concentración e represión franquista (de 1936 a 1943).
O acto central desta edición ten como finalidade recoñecer a loita solidaria das mulleres da contorna. Contaremos coa intervención da escritora Eva Mejuto, autora do libro As lavandeiras de San Simón (Xerais).
Tamén se fará un recoñecemento expreso á loita pola recuperación do Pazo de Meirás, coa intervención de Carlos Babío, portavoz da Iniciativa Defende Meirás e coautor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio.
A parte musical corre a cargo da cautautora Sheila Patricia, coa colaboración especial de Xulia María Barros.
PROGRAMACIÓN NA ILLA:
-Visita guiada pola Illa da Memoria.
- A partir das 12, Acto central:
- A solidariedade das mulleres durante a represión franquista
- A loita de Meirás pola súa devolución ao pobo galego.
Intervencións:
Eva Mejuto (autora de A lavandeira de San Simón)
Carlos Babío (coautor de Meirás: un pazo, un caudillo un espolio. Portavoz da Plataforma Defende Meirás)
Actuacións musicais:
Sheila Patricia, coa colaboración de Xulia María Barros
Gaiteiros da Memoria
Recoñecementos, himno e ofrenda floral
- A partir das 13:00: Micro aberto no peirao do capitán.
- Desde as 13:30: Regreso escalonado nas mesmas quendas da ida.
+ información: Matías Rodríguez da Torre
INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA
Telf. 636535815 /
Correo-e: matiasdatorre73@gmail.com

Ningún comentario:
Publicar un comentario