Agustín González Rodríguez tomou posesión do seu cargo de concelleiro do BNG e entra no goberno municipal
· O edil é o máis novo da corporación e aínda que a súa área de traballo non está definida de momento, asegura ter moita ilusión
Agustín González Rodríguez, novo concelleiro do Grupo Municipal do BNG, foi recibido con aplausos como novo concelleiro da corporación municipal de Tomiño
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Durante a sesión plenaria de carácter ordinaria celebrada onte no Concello de Tomiño, tomou posesión do seu escano o novo concelleiro do Grupo Municipal do BNG, Agustín González Rodríguez.
O novo edil, de 28 anos e veciño de Forcadela, vén ocupar o lugar do edil Ismael Troncoso, que dimitiu da súa praza o pasado mes de maio.
Agustín González Rodríguez é a persoa máis nova do grupo nacionalista (e da corporación), formado por 11 concelleiros/as dos/das 17 que integran a corporación municipal.
Esta é a primeira vez que se desenvolverá en política e ocupaba o 13º lugar na lista das últimas eleccións municipais. Se ben aínda non está definida a área da que se ocupará dentro do equipo de goberno (sen dedicación parcial nin exclusiva), o novo edil afirma ter moita ilusión e estar desexoso de comezar a traballar por Tomiño.
Aínda que non se imaxinaba entrando a formar parte da corporación local de Tomiño, asegura ter desfrutado do seu primeiro pleno como concelleiro, do que salienta o ambiente de diálogo e respecto reinante no hemiciclo.
Con estudos medios de FP en Electrónica, traballa nunha fábrica da zona e preside o Tomiño F.C. Feminino dende hai 9 anos, ademais de colaborar adestrando a nenos e nenas de fútbol base. Anos antes xogou ao fútbol na A.D. Tomiño e tamén no Tebra F.C., e traballou varios anos no sector da hostalaría.

Ningún comentario:
Publicar un comentario