8 de xul. de 2021

PONTEVEDRA

O PP convida a Carmela Silva que o seu Goberno en Vigo deixe de privar á cidade da sinalización do Camiño  

• Respecto da carta de Carmela Silva sobre os problemas no Camiño Portugués pola Costa, din que trasladan esta queixa ante a Xunta porque xa non esperan nada do Goberno central, quen é quen se ten que coordinar con Portugal. 

“Hai que ter pouca vergoña para falar de perda de calidade e prestixio do Camiño cando o seu Goberno en Vigo está promovendo a Xacobeofobia”, engaden.  


Jorge Cubela López, voceiro do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O grupo provincial do Partido Popular considera que as declaracións de Carmela Silva sobre os problemas no Camiño Portugués pola Costa son unha burla, tendo en conta que o Goberno de Vigo, do que forma parte, está promovendo de xeito continuado a Xacobeofobia. Por iso, convidan a que medie para que Caballero deixe de privar á cidade da sinalización do Camiño de Santiago.  

 “Hai que ter pouca vergoña para falar de perda de calidade e prestixio do Camiño cando o seu goberno en Vigo está promovendo cada día a Xacobeofobia”, sinala o voceiro Jorge Cubela López. Nesta liña, recorda que os peregrinos perdíanse a diario ao chegar á cidade, e por esa razón tivo que ser o sector da hostalería o que colabore para permitir a sinalización nos seus locais. “Unha situación totalmente anómala que non ocorre en ningunha outra parte de Galicia nin de España, e problablemente en ningún dos camiños que atravesan outros países de Europa”, engade.  

 Ademais, considera que o Goberno da Deputación recorre á Xunta de Galicia porque perderon xa toda esperanza de que o Goberno central se coordine con Portugal, “como resultado dos desprezos continuos que teñen cara a nosa provincia e a nosa comunidade”.   

 Por último, Cubela volve a pedir ao Goberno provincial que revise as estradas provinciais e elimine os puntos negros das vías polas que transita o Camiño. Desde o Partido Popular xa defenderon unha moción no pleno provincial reclamando que se impulsase a mellora destas vías, unha proposta que se atopou co rexeitamento expreso do Goberno. 

 “Con todas estas evidencias, o que está claro é que o único interese que ten Carmela Silva con esta cuestión é intentar confrontar de novo co Goberno da Xunta de Galicia”, sostén Cubela. Unha presidenta que forma parte dun goberno que practica a xacobeofobia, que preside unha Deputación que rexeita mellorar as estradas polas que transita o camiño e que non quere reclamar ao Goberno competente que medie con Portugal para mellorar entre países a coordinación do camiño portugués. “Queda totalmente retratada”, conclúe. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario