8 de xul. de 2021

LABORAL

A CIG intensifica as mobilizacións en defensa do naval vigués  e contra a represión sindical en Barreras 

Convoca unha concentración para rexeitar o despido do seu delegado e unha manifestación para reclamar solucións para a crise do sector 


O secretario xeral da CIG, Paulo Carril - no centro da imaxe -,  xunto ao secretario comarcal, Alberto Gonçalves e Rafa Pérez, esta mañá na sede da CIG- Vigo 

Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG vai intensificar nos vindeiros días as mobilizacións que está a desenvolver en defensa do  naval vigués, reivindicación á que agora se suma a denuncia da represión sindical que se vive en  Barreras tras o despido do delegado da central sindical no comité de empresa. O vindeiro luns día  12 desenvolverá unha concentración diante do estaleiro ás 11:00 horas para esixir a súa readmisión,  mentres que o xoves 15 convoca unha manifestación dende a Dobrada ás 19:00 horas en demanda  de solucións para a grave crise que atravesa o sector. 




 Así o anunciou hoxe en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que compareceu  diante dos medios de comunicación en Vigo xunto ao secretario comarcal, Alberto Gonçalves, e o  propio traballador despedido, Rafa Pérez. O máximo responsábel da central sindical explicou que a  manifestación fai parte do calendario de protestas que a CIG leva tempo desenvolvendo para alertar  sobre o declive do sector naval e reclamar solucións que garantan a súa continuidade. 

 Carril incidiu en que a estas reivindicacións súmaselle agora a denuncia da represión sindical que se está a vivir en Barreras co despedimento do representante da central sindical no comité, ao que a  empresa acusa de ser o responsábel da ocupación simbólica das instalacións do estaleiro por parte  da CIG o pasado 27 de maio. “Temos claro que se trata dunha acción represiva para intentar  amedrentar e calar a quenes estamos a defender a continuidade do emprego”, asegurou. 

 Na mesma liña se expresaron tanto o secretario comarcal da CIG de Vigo como o propio traballador afectado. Gonçalves fixo fincapé en que o representante sindical foi despedido por defender os  dereitos dos traballadores/as e por reclamar un futuro industrial para a comarca, ao tempo que quixo deixar mo claro que “se pensan que nos van a calar están moi confundidos/as”. 

Despido inxustificado 

 Pola súa banda, Pérez relatou que pasado venres día 2 a empresa comunicoulle o despido por correo electrónico e mediante un burofax no que tamén lle trasladan que ten o acceso restrinxido ás  instalacións. “Alegan que cometín dúas faltas moi graves durante a ocupación do estaleiro, acción  na que eu nin participei, aínda que me acusan de ser o responsábel de todo”, censurou. 

 En concreto impútanlle dúas faltas por suposto abandono do posto de traballo e por supostamente  ter facilitado o acceso ás instalacións poñendo en perigo os compañeiros/as por incumprir o  protocolo covid, “dúas cuestións absolutamente falsas que a empresa inventa para despedirme”.  

 Na mesma liña, Carril considera que este despido “significa ir máis alá do que semellaba posíbel”,  ao tempo que lamenta que “calquera parecido coa realidade semella ficción no sector naval”. Neste senso, critica que a empresa botase man de “formas decimonónicas” para despedir a un compañeiro  “que representa a liña sindical máis reivindicativa e que salientou por esixir unha solución para o  sector e en particular para a súa empresa”. Por iso está convencido de que con esta manobra  Barreras “pretende calar a loita que estamos a dar no sector naval”.  Diante disto, a CIG levará a cabo diante do estaleiro unha primeira acción para denunciar a  represión sindical e para esixir a readmisión do compañeiro despedido. “Sobre todo nun contexto no que a negociación dun ERTE está a piques de comezar”, subliñou Carril.  




Cóctel explosivo 

 O secretario xeral da CIG asegurou durante a súa intervención que a comarca de Vigo atópase  inmersa nun “cóctel explosivo”, xa que á crise do naval estase a estender a boa parte dos estaleiros  (Vulcano, Barreras, Metalships, etc). “Aquí ninguén está a salvo, tendo en conta a nula política  industrial da Xunta e a inacción do Goberno estatal”.  

 Segundo indicou, a isto hai que sumarlle a vixencia da reforma laboral, que permite “situacións  como as que estamos a padecer, con despedimentos masivos e precarización das condicións  laborais”. Neste contexto, a entrada en vigor do convenio provincial do metal “non fixo máis que  empeorar a situación”.  

 Reiterou ademais que para a CIG a única solución para Barreras pasa por unha intervención pública  directa. “Non pode ser que os Gobernos español e galego estean pendentes de resolver non se sabe  que créditos en favor do estaleiro sen que exista un plan industrial que garanta carga de traballo e  polo tanto o emprego”.  

 Para o responsábel sindical, a importancia de Barreras transcende a propia comarca de Vigo, até o  punto de que é unha empresa fundamental para o sector naval galego. En consecuencia, demandou a creación urxente dunha mesa para abordar a crise do naval vigués. “Non pode ser que sexan os  consellos de administración das empresas os que decidan o futuro do sector; ten que haber unha  acción clara, decidida e contundente das Administracións públicas. Hai que parar esta sangría de  desmantelamento do naval. E non se pode deixar pasar máis tempo, porque corremos o perigo de  que Barreras se converta nun novo Vulcano”. 

 Finalmente, adiantou que a CIG non vai permitir que se cumpran os peores presaxios para o sector,  abrindo a posibilidade de intensificar aínda máis as mobilizacións, de igual xeito que non tolerará  ningún intento de represión sindical como o que está a vivir o compañeiro despedido. “A nosa  aposta por defender o sector non vai ter ningún límite na mobilización e na reivindicación porque se trata dunha industria chave para a comarca e para o conxunto do país”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario