14 de xul. de 2021

PONTEVEDRA

Ante a alarma polo aumento da incidencia entre os mozos 

CONSIDERABLE AUMENTO DO NÚMERO DE PROBAS  COVID  NAS FARMACIAS DE PONTEVEDRA 

· A participación da poboación no cribado aumentou un 173% nos  primeiros doce días de xullo, fronte ao mesmo período do mes de xuño,  pasando de 260 a 711 persoas diarias de media 

· Elévase a 161 o número de positivos  asintomáticos detectados nas  farmacias de Pontevedra nos primeiros doce días do mes de xullo 


Tubos de recollida de mostra de saliva

Infogauda / Pontevedra

 Desde que no mes de febreiro de 2021 as  farmacias de Pontevedra comezaron a colaborar coa Consellería de Sanidade no Programa para a detección do virus  SARS- CoV-2 na cidadanía da provincia de Pontevedra  a través das oficinas de farmacia e mediante a auto recollida dunha  mostra de saliva, dispensaron 81.213 tubos de recollida de mostra de saliva e  detectáronse 406 positivos  asintomáticos. 

 A este respecto, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba  Soutelo, destacou a importancia da colaboración das farmacias nestes  cribados, xa que “pola súa accesibilidade facilitan a realización da proba aos  cidadáns, o que contribúe a unha maior participación e a un aumento na  detección de positivos  asintomáticos”. 

Considerable aumento da participación no  cribado 

 Nos primeiros doce días deste mes de xullo incrementouse  considerablemente a participación dos pontevedreses no  cribado COVID-19, con respecto ao mesmo período do mes de xuño, rexistrándose un aumento do  173%. Mentres en xuño a media diaria de persoas participantes foi de 260 por día,  en xullo esta media elevouse a 711, rexistrándose este luns unha participación de 1.527  persoas.

 “Aumentou moito a participación e o número de positivos detectados é  preocupante. Nos primeiros doce días de xullo detectáronse 161 positivos,  cando nese mesmo período do mes de xuño non chegaron a 20 os positivos detectados”, detalla a presidenta dos farmacéuticos pontevedreses, que anima a participar  no  cribado sobre todo aos mozos.  

Lecer nocturno 

 Debido ao requisito de proba COVID-19 negativa, realizada nas últimas 72 horas, para poder acceder aos locais de lecer nocturno nos municipios con nivel medio de restricións, incrementouse o crédito a catro mostras nos municipios  de Pontevedra, Poio, Marín, Caldas de Reis, Redondela e Salceda de Caselas. 

 Nestes municipios as persoas terán dispoñibles catro tubos de recollida de mostra  de saliva, no canto dun, para que poidan realizar outras tantas probas  PCR  que lles permitirán acceder, se o resultado é negativo, aos locais de lecer nocturno,  tal como esixe a autoridade sanitaria. 

A proba é sinxela e accesible 

 O farmacéutico fai entrega do tubo de recollida de mostra e explica como se debe  realizar a auto recollida da saliva. 

 A persoa na súa casa recolle 1  ml de saliva ao levantarse en xaxún, sen beber auga e  sen lavarse os dentes. Ao recoller a mostra, non se pode tirar o líquido de cor  rosada que contén o tubo. A saliva non debe conter  moco e debe ser suficiente  para alcanzar a etiqueta. 

 Recollida a mostra de saliva, débese   levar o tubo á farmacia  que o facilitou canto antes e  sempre antes das 10:30 dese  mesmo día. O tubo coa mostra  debe manterse en posición  vertical e a temperatura ambiente.  

 Non debe estar na neveira nin preto dunha  fonte de calor. Non é necesario que a persoa que asina o consentimento informado leve a  mostra á farmacia persoalmente, senón que pode ir calquera outra persoa coa  tarxeta sanitaria.  

 As mostras de saliva son trasladadas pola distribución farmacéutica ao Laboratorio  de  Microbiología da área Sanitaria de Vigo para a análise de  SARS- CoV-2 por  PCR  aplicando o método de  pooling

 Unha vez procesada a mostra no laboratorio, o resultado introdúcese na  Historia Clínica Electrónica do  Servizo  Galego de  Saúde e comunícaselle á persoa  a través do teléfono móbil. 

 A inclusión de persoas de 12 a 64 anos neste  cribado está limitada polo número  de probas que pode realizar diariamente o laboratorio.  

 Premer eiquí para acceder a listaxe de farmacias participantes.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario