6 de xul. de 2021

O ROSAL

Aberta a inscrición en catro novos obradoiros de verán para a mocidade rosaleira  

· Desenvolveranse na última semana de xullo no Centro Social. As persoas interesadas poderán anotarse a través da web municipal ata o día 19  

 


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa facendo propostas para que a mocidade rosaleira poida desfrutar este verán dun programa de lecer variado e moi participativo. Por este motivo abre a inscrición a catro novos obradoiros monográficos dunha única xornada nos que ademais de potenciar a imaxinación de rapaces e rapazas a partir dos 12 años, aprenderán diferentes técnicas para crear coas súas propias mans diferentes obxectos.  

 As persoas interesadas terán ata o día 19 para inscribirse nestes catro novos cursos que terán lugar durante a última semana de xullo no Centro Social Polivalente. Serán obradoiros dunha única xornada que comezarán ás 10.00 horas e terán un curso de 5 euros por curso. A inscrición realizarase a través da web municipal. 

 No obradoiro de estampación en tela o vindeiro 27 de xullo os mozos e mozas probarán durante dúas horas diferentes técnicas de pintura e estampado para decorar distintas pezas téxtiles como camisetas e bolsas de tea. As persoas interesadas poden inscribirse aquí. 

 Ao día seguinte, o 28 de xullo, será a quenda do curso de transferencia de imaxes. Neste obradoiro de tres horas as rapazas e rapaces participantes empregarán diferentes produtos ou ‘mediums’ para pasar unha foto a un soporte de madeira e crear unha caixa decorativa, que se rematará combinando con diferentes materiais ao gusto de cada participante. Máis información e inscricións nesta ligazón.  

 O xoves 29 de xullo será a quenda do obradoiro ‘Letras Alteradas’. Neste curso de 2,5 horas, as mozas e mozos poderán ‘alterar’ ou decorar unha letra de cartón con diferentes técnicas e adornos. A medida de cada letra ou número estará entre os 7 e os 17,5 centímetros. As persoas interesadas poden atopar nesta ligazón máis información e o formulario de inscrición. 

 O último curso do mes de xullo será o de Scrapbooking o 30 de xullo. Neste obradoiro de 3,5 horas os rapaces e rapazas poderán coñecer un novo xeito de plasmar fotogragías e recordos por medio dun proceso moi personalizado e creativo. As persoas participantes crearán un álbum de fotografías dende cero aprendendo as técnicas básicas de scrap (estampar, troquelar, distressar...) e coñecendo novos materiais e ferramentas. As inscricións poden facerse aquí. 

 No caso de cubrirse o número mínimo de prazas para poder desenvolver estes obradoiros, dende o Concello enviarase un correo electrónico a cada participante para que proceda a facer o ingreso do prezo do curso e garantir e formalizar a praza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario